Alberto Cochón: "O pequeno comercio galego debe desenvolverse máis na área dixital"

O secretario xeral do Clúster Ecommerce Galego (CEG) conta cunha posición relevante dende os inicios no clúster que une a empresas galegas que venden os seus produtos a través de internet. Sinala que as maiores oportunidades na rede son para a artesanía e os produtos "de alta diferenciación e calidade"
Alberto Cochón, secretario xeral do CEG. EP
photo_camera Alberto Cochón, secretario xeral do CEG. EP

Dende a súa constitución no 2021, o Clúster do Ecommerce Galego (CEG) emerxeu como un actor clave no impulso do comercio electrónico en Galicia, con Alberto Cochón (Pontevedra, 1979), representante de Selmark, como o seu secretario xeral. Cunha traxectoria que abarca diversos sectores, dende a industria automotriz ata a intelixencia artificial aplicada, este enxeñeiro industrial deixou unha marca significativa no panorama empresarial galego. A súa experiencia como Ceo de Krack e o seu papel como cofundador de Imotion Analytics reflicten o seu compromiso total coa innovación e a transformación dixital na comunidade galega.

Que é o CEG e cal é a súa función?
É unha visión compartida de moitas empresas galegas: compartir para competir. A función é a de compartir experiencias, aprendizaxes, e por suposto erros, como punto clave de desenvolvemento dos ecommerce galegos. 

Que empresas foron o xerme da agrupación inicialmente?
Foi fundada por empresas de longa traxectoria, como Selmark, Krack ou Don Disfraz; proxectos máis recentes como Fuikaomar, Carrick ou El vino del mes, e marcas moi recoñecidas de alimentación, como Cafés Candelas, Aceites Abril ou Martín Códax. Posteriormente uníronse empresas referencia para nós, como Roberto Verino, Bodegas Paco y Lola, ReiZentolo e moitas outras.

Cantos son agora?
Somos máis de 40 socios de diversos sectores e tamaños que recollemos o dinamismo dos proxectos que hai en Galicia.

Dentro dos distintos sectores, cales son os máis predominantes no clúster galego?
O comercio, o textil e tamén as empresas de alimentación.

Que metas ten a asociación?
Despregar a nosa visión e os nosos obxetivos específicos de apoiar o desenvolvemento do comercio electrónico en Galicia e fomentar a colaboración entre entidades de diferentes tamaños e formatos co obxetivo final de mellorar a competitividade dos socios e do sector en xeral dentro do total da comunidade galega.

Que servizos ofrecen para cumprir estes obxectivos mencionados?
Alineado coa nosa estratexia de mellorar a competitividade, desenvolvemos eventos onde se xuntan os principais negocios de ecommerce, non só de Galicia senón tamén do resto da península.

Cando se celebran estas citas?
En setembro teremos outra nova edición do noso principal evento anual, o Ecommerce Day. Virán expertos dixitais de organizacións como Decathlon, KFC ou Pull&Bear. Será en Pontevedra o 19 de setembro e tódolos negocios que queiran asistir terán a entrada de balde. Ademais disto faremos tamén eventos en tódalas provincias, así como colaboracións con outras asociacións.

Nos últimos días presentaron o programa Xerme Ecommerce
Efectivamente, co apoio da Xunta, agora estamos lanzando este programa de mentorización e formación, para negocios que queiran impulsar a súa dixitalización. Tanto a formación como a mentorización serán a cargo de personas con experiencia contrastada, moitas delas con cargos importantes en negocios dixitais, como Don Disfraz, Selmark ou Krack.

"O noso obxetivo final é mellorar a competitividade dos socios e do sector en xeral dentro do total da comunidade galega"

Cal cre que é o principal desafío para as empresas na actualidade? 
Neste momento, o principal reto é a rendibilidade. Despois de anos de alto crecemento, xa somos unha parte importante de moitos negocios. En xeral, fálase dun 30% de vendas que se pechan en dixital. Pasamos de ser unha tendencia a unha parte importante dos negocios. Polo tanto, debemos tamén rendibilizar ó máximo, para que as nosas empresas continúen evolucionando e mellorando. As devolucións están xogando un papel moi importante neste punto. Tamén a captación de novos clientes, xa que as plataformas de márketing dixital incrementaron moito os custos para as marcas.

Semella que a competencia xa deixou de ser local para ser global. Dentro deste mundo, que barreiras atopan dende o clúster?
Atopamos moitas: custos loxísticos, descoñecemento da nosa marca, altos custos de promoción e márketing dixital… O importante é poder desenvolver unha boa estratexia, alineada coa nosa proposta de valor. A realidade é que nunca tivemos tan accesible moitos mercados de Europa e de todo o mundo. As maiores oportunidades vemos que están en productos de nicho, artesanía, de alta calidade e alta diferenciación, moito máis que en produtos de venda masiva. Temos infinidade de exemplos de negocios que conseguiron rendibilizar precisamente este momento global para poder vender este tipo de productos.

Que opina sobre os aranceis que estuda impoñer a Unión Europea ás compañías chinesas como Aliexpress ou Shein?
A verdade é que estamos totalmente a favor desta proposta. Non é xusto competir con modelos de negocio totalmente subvencionados, que non recollen nin sequera o custo de envío, procedan do país que procedan.

"Galicia nunca tivo tan cerca mercados de todo o mundo. As maiores oportunidades son para produtos de nicho"

Están empregando novas tecnoloxías como a IA? En que ámbitos se pode introducir?
Agora mesmo a mellora que estamos vivindo é grande, e de forma moi rápida: en procesos, en axilidade para determinadas tareas, e por suposto para mellorar moitos resultados. Cabe destacar todo o relacionado con fotografía dixital e creación de contido, como a elaboración de fichas de produto. Tamén todo o relativo a big data ten un importante foco de mellora. As opción aparecen todos os días. É un campo moi dinámico.

Cal será o maior reto que enfrontará o sector do ecommerce galego?
Sobre todo, o gran reto é que o pequeno comercio galego, encontre a forma de desenvolverse máis no ámbito dixital, e que así desenvolva as súas vendas incluso lonxe de Galicia. Temos un tecido de comercio moi forte, de proximidade, con produto de calidade, e que todos desexamos que se desenvolva máis no mundo en liña.

Comentarios