Compostela Aberta e Marea Atlántica, as candidaturas municipalistas que aspiran a revalidar os gobernos de Santiago e A Coruña o próximo 26 de maio, acordaron desligarse da marca paraugas acordada polas direccións de Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia; polo que as mareas de Martiño Noriega e Xulio Ferreiro non se presentarán ás eleccións municipais baixo a candidatura instrumental SON En Común.
Así o trasladaron a Europa Press fontes das direccións dos partidos que subscriben o acordo, que ten por obxectivo sumar votos a través da marca paraugas Son En Común de cara a gañar representación nas deputacións provinciais. Con todo, as mareas de Santiago e A Coruña decidiron rexeitar esta marca como xa ocorreu no ano 2015, cando tanto Compostela Aberta como Marea Atlántica non acudiron á cita coas urnas baixo a marca SON, pactada por Anova e EU.
Agora, esta marca paraugas amplíase coa participación de Podemos, que se presenta por primeira vez ás eleccións municipais. Así as cousas, segundo sinalaron a Europa Press fontes do partido morado, "entre 40 e 50" candidaturas municipalistas acóllense ao acordo de coalición, que presenta "particularidades adaptadas" a cada concello. Por exemplo, no Concello de Teo, a candidatura, articulada como partido e baixo o nome Son de Teo, estará mayoritariamente integrada por membros de Anova, organización nacionalista que goberna o municipio limítrofe coa capital galega e na que foi alcalde, antes de dar o salto a Santiago, o actual rexedor compostelán, Martiño Noriega, de Compostela Aberta.
MAREA DE VIGO E FERROL EN COMÚN. Marea de Vigo e Ferrol en Común -que goberna a cidade naval desde 2015- si aceptaron concorrer baixo o paraugas SON En Común, que supón a continuación da coalición de EU e Podemos para as xerais, ás que non se presenta Anova após de fracasar as negociacións. Mentres na marea viguesa si se integran Anova, EU e Podemos, non ocorre o mesmo en Ferrol en Común, xa que o partido morado decidiu non presentarse ás municipais por desconformidade cos postos que ofrecía Jorge Suárez para a integración dos seus candidatos.
Por tanto, o próximo 26 de maio volverán confrontar nas urnas os proxectos xurdidos após a división de En Marea, escenificada nas eleccións xerais do 28 de abril. Por unha banda, as candidaturas municipalistas que se aliñan co partido instrumental de Luís Villares -como Marea de Ferrol, Ourense Mellor ou Marea de Pontevedra- e, en fronte, os que se sitúan ao lado de EU, Anova e Podemos -como Marea de Vigo ou Ferrol en Común-. Con todo, o mapa da chamada esquerda rupturista diversificouse máis que en 2015, a pesar de que un dos obxectivos fixados hai catro anos eran minimizar a existencia de varias candidaturas municipalistas dentro dun mesmo concello.
LUGO, PONTEVEDRA E OURENSE. É o caso de Lugo, onde, a falta de confirmación, podería haber tres candidaturas diferentes: a de Podemos, encabezada por Josito Pérez, a de Esquerda Unida con Carlos Portomeñe como referencia e Lugonovo, marea afín á En Marea de Villares. Pola súa banda, Anova decidiría non presentar candidatura na capital lucense.
Similar é a situación en Ourense, onde tamén se dá por feito que haberá tres candidaturas diferentes xurdidas do universo da chamada unidade popular: Ourense en Común, encabezada por Martiño Xosé Vázquez co respaldo de Anova; Ourense Mellor, afín a En Marea, e a candidatura na que traballan Podemos e Esquerda Unida, aínda sen pechar.
En Pontevedra tamén haberá dúas candidaturas do mesmo espazo político. Marea de Pontevedra, con Luís Rei como alcaldable e co respaldo da dirección do partido instrumental, competirá nas urnas coa lista de Podemos e EU, que aínda negocian con Anova a poucas horas do peche o prazo para rexistrar coalicións.
"Hoxe asinaremos con Compromís un acordo que será magnífico para representar os intereses de Galicia no Parlamento Europeo e permítenos unha segura representación", apuntou Luís Villares nunha rolda de prensa ofrecida na sede da formación rupturista en Santiago de Compostela.