A Garda Civil de Tráfico detivo este domingo ao condutor e ao ocupante dun vehículo que se deron á fuga nun control de alcoholemia no Polígono Barreiros en Ourense, nunha fuxida de varios quilómetros na que impactaron contra un vehículo dos axentes. No automóbil levaban un coitelo e unha machada de grandes dimensións.
Segundo informou a Garda Civil, os feitos producíronse ás 08.20 horas, nun dispositivo de verificación de alcoholemia instalado polos axentes Tráfico na N-525, no Km. 230, no Poligono Barreiros (Ourense), no que se deu o alto a un vehículo con matrícula portuguesa, que fixo caso omiso e deuse á fuga.
Ante isto, avisouse a todas as patrullas da Garda Civil dispoñibles, co que o vehículo foi finalmente interceptado no km. 203 da Nacional 525 na entrada de Xinzo de Limia, tras embestir a un vehículo da Garda Civil desta localidade.
Na súa fuxida chegara a circular polo centro urbano de Allariz en dirección prohibida. Nese momento procedeuse á detención do condutor, M.B. de 25 anos, e do ocupante, G.G. de 23 anos, como presuntos autores dos delitos de desobediencia, atentado a axentes da autoridade, seguridade viaria por resultado de drogas positivo e condución temeraria.
No control de drogas o condutor deu positivo en cocaína e opiáceos. Dentro do vehículo a Garda Civil localizou unha machada e un coitelo de grandes dimensións. Os dous detidos teñen antecedentes en España e Portugal.