Sete persoas foron detidas este mércores na denominada operación Néboa por un presunto delito de grooming ou ciberacoso sexual. Os sete arrestados e outras catro persoas máis que están a ser investigadas ameazaban e coaccionaban a unha menor de 14 anos pontevedresa para que lle enviasen fotografías e vídeos de carácter sexual.
A Fiscalía de Menores de Pontevedra interpuxo unha denuncia pola existencia de arquivos no teléfono móbil da vítima que apuntaban a un delito contra a liberdade e indenmidade sexual. O traballo e a pericia do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Pontevedra foron determinantes para constatar a existencia de conversacións de varias persoas coa menor a través de Whatsapp. Propostas, ameazas e coaccións puideron ser comprobadas para que a menor mandase fotos e vídeos de contido sexual á vez que solicitaban un encontro coa nena para manter relacións sexuais.
Nun grupo de Whatsapp, segundo a investigación realizada pola Garda Civil, os usuarios enviábanse teléfonos de menores de idade ás que supuñan proclives a acceder ás súas peticións polas súas condicións sociais ou familiares especiais.
SETE PROVINCIAS. A operación Néboa desenvolveuse en sete provincias: Cáceres, Córdoba, Alacante, Valencia, Málaga, Palma de Mallorca e Cádiz. Durante a súa materialización, realizáronse oito entradas e rexistros nos domicilios das persoas detidas e investigadas xunto ás Unidades Orgánicas de Policía Xudicial da Garda Civil. Interviñéronse, segundo informa a Garda Civil, un total de 22 teléfonos móbiles, 6 computadores, 21 pendrives, 4 discos duros, 2 tablets, 2 cartóns de memoria e diversos soportes ópticos (CD e DVD).
A investigación continúa aberta.