En Marea presentarase ás xerais como formación propia

Villares advirte aos posibles aspirantes que deben "crer nesta oferta" e "aclarar" os seus principios políticos 

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O Consello das Mareas aprobará este sábado o seu calendario de primarias para elixir aos candidatos que concorran ás eleccións xerais do próximo 28 de abril, segundo avanzou o portavoz de En Marea, Luís Villares. A reunión xa estaba prevista de antemán tras a votación dos orzamentos xerais, para a que a dirección decidira o non, algo que só respectou a deputada Alexandra Fernández. 

Nunha comparecencia ante os medios, con motivo dunha visita a Vigo, Villares proclamou que En Marea está "preparada" para "asumir o reto político" dunha nova cita electoral. 

De feito, indicou que o máximo órgano de decisión entre plenarios aprobará este sábado o calendario de primarias para elixir aos candidatos ao Congreso e ao Senado, e "facer fronte a esta situación". No entanto, matizou que este escenario era unha "hipótese de traballo" que En Marea manexaba "desde hai tempo". 

Preguntado polos catro deputados que votaron a favor dos Orzamentos Xerais do Estado, Villares resolveu a cuestión apuntando que "a lexislatura está acabada" e agora "o que toca é a composición política dunha oferta que sexa defendida por deputados e deputadas que crean nesa oferta".

Así, o portavoz de En Marea incidiu en que para iso se fan "as primarias" e sinalou que as persoas que se candidaten "deberán aclarar os seus principios políticos" en defensa de Galicia. "En Marea ten tres eixos, o democrático, o social e o nacional, que deben estar presentes", engadiu. 

A preguntas dos medios, sobre se En Marea concorrerá ás eleccións en solitario e se haberá pacto con Podemos, Villares afirmou que o partido se presentará "como formación propia". Ademais, recordou que En Marea é un "espazo político plural e diverso que acolle a dobre militancia, pero de adscrición individual". 

A ese respecto, invitou a "compañeiros e compañeiras", aínda que militen "noutras forzas políticas", a participar "activamente" no proceso de primarias e na conformación de candidaturas.

Cualifica de acto "de odio" o de Casado e Feijóo en Vigo 
Con respecto á convocatoria de eleccións, Luís Villares recordou que En Marea mantivo, durante a negociación dos Orzamentos, os principios recollidos no axenda galega do cambio, que o PSOE "non quixo aceptar", o que levou a dicir "un non rotundo" aos PGE. 

Por outra banda, Luís Villares referiuse ao acto que, este xoves, reuniu en Vigo a Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, e que cualificou como "acto do odio". "Vimos a Feijóo e a Casado facer votos por un pacto coa extrema dereita", lamentou, e advertiu de que non se pode estar "con Galicia e coa Falanxe ao mesmo tempo, coa igualdade e co machismo ao mesmo tempo, defender Galicia e pactar cos que queren a supresión da Comunidade Autónoma". 

Comentarios