O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, anunciou a activación a partir do venres dunha liña dotada con 10 millóns de euros para "facilitar préstamos directos aos autónomos, microempresas e pemes" con máis problemas de liquidez e dificultades no acceso ao crédito privado durante a covid-19.
Así o expresou durante a súa participación este mércores no webinario Ser dixital para vender máis, unha iniciativa da Federación Galega de Comercio para "profundar no manexo de determinadas redes sociais para a venda por internet e dar a coñecer casos de éxito que se poidan aplicar a calquera negocio do comercio galego", segundo informou a Xunta nun comunicado.
Conde informou de que o vindeiro venres se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta nova liña de préstamos para autónomos, microempresas e pemes, que achegará créditos de entre 3.000 e 500.000 euros por negocio, con intereses baixos e próximos ao 0 %.
Os créditos irán destinados aos autónomos e ás empresas que se dedican a ocupacións comoeconomía social; o lecer nocturno e a hostalería; a industria cultural e de lecer; as que realizan a súa actividade principalmente no verán, como as orquestras; e as que non teñen un emprazamento único, como os feirantes, entre outros.
As empresas disporán dun prazo para a devolución de ata sete anos, nos que están incluídos tres de carencia.
Na súa intervención, Conde sinalou que o sector ten que "seguir apostando pola súa dixitalización, consolidando as vendas e o posicionamento online".