O novo secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, agradeceu este xoves o apoio recibido para liderar a formación morada en Galicia, un proxecto que será "autónomo" pero camiñará "en paralelo" á dirección estatal que encabeza Pablo Iglesias.
De feito, o recentemente elixido líder do partido en Galicia xa falou coas propio Iglesias, tal e como desvelou na súa primeira comparecencia tras saberse gañador, e este trasladoulle a súa "satisfacción" por un resultado no que Gómez-Reino se impuxo á compostelá Carolina Bescansa.
Con todo, nesta rolda de prensa na Coruña a primeira mensaxe de Gómez-Reino á fronte da organización foi de "unidade" e "integración" polo que, dixo, ten a man tendida aos integrantes da candidatura de Bescansa.
Gómez-Reino, candidato afín á dirección estatal, obtivo un respaldo do 54,98% nas primarias, mentres que a súa opoñente recibiu o apoio do 45,02%, segundo informaron fontes do partido. Estas porcentaxes evidencian o axustado resultado dunhas primarias nas que votaron 3.172 inscritos.
En todo caso, Gómez-Reino impúxose á compostelá neste proceso que comezou o pasado setembro, cando a anterior líder do partido en Galicia, Carmen Santos, anunciou a convocatoria da III Asemblea Cidadá, a cal culminou nesta xornada coa proclamación do gañador.
Carolina Bescansa perdeu a batalla tras a súa participación nun proceso no que moitas son as voces que viron no seu intento unha cruzada persoal contra o líder de Podemos, Pablo Iglesias, co que mantén unha relación moi distante desde a filtración dun documento no que a compostelá suxería un plan para desbancalo dese posto de cabeza.