Opinión

Na palma da terra

Xabier Díaz, co seu novo traballo, Axúdame a sentir, volve facer do seu canto, da súa música e da súa complicidade coas Adufeiras de Salitre unha das máis fermosas e emocionantes combinacións e pulos da nosa música tradicional.
Xabier Díaz. CARLOS AB
photo_camera Xabier Díaz. CARLOS AB

Axúdame a sentir é unha petición de complicidade, a afirmación da necesidade da nosa música para ser un acto compartido que se converte nun tecido común. Letras e sons que, dende a máis pura tradición, enguedéllanse cunha maneira tan actual como revitalizadora dende a exploración das súas posibilidades por seguir sendo músicas da emoción aínda que pase o tempo e as derivas musicais da nosa sociedade o compliquen todo.

No texto que presenta o disco de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, e que asina Susana Trigo, entre outras moitas cousas fermosas e intelixentes, apúntase o seguinte: "Memoria curtida en coplas de máis aló de nós, de máis dentro tamén. Sénteas?". Memoria e o feito de sentir xúntanse nesta frase emerxendo ao longo de todo o traballo como os seus dous grandes alicerces, mais aínda cando coñecemos que ese título, Axúdame a sentir, era un retrouso da súa avoa que adoitaba dicir cando as cousas non ían de todo ben e que agora, aquel neto, o músico Xabier Díaz, relaciona co propio feito da música, coa súa paixón pola investigación e como iso se pode hoxe presentar en sociedade, recuperando sons e texto do pasado, para darlle todo o sentido ao seu gran fin como é o de facer sentir aos espectadores.

Xunto ao sentir esa memoria atopamos a lembranza e valorización das nosas músicas ás que sempre honra Xabier Díaz tras pescudar durante moitos anos nesa tradición diferentes tipos de cantos e palabras que alimentaron como un rico sustrato o feito en diferentes traballos. Neste, o seu cuarto disco coas sempre engaiolantes Adufeiras de Salitre, o músico coruñés recupera aquelas augas do pasado para regar as súas intencións actuais, que non son máis que as de poñer en valor todo ese caudal musical dunha singularidade e importancia enorme na nosa cultura e mesmo na nosa conformación como pobo, como unha tribo que precisa deses sons, deses aturuxos ou desas palabras esparexidas polo vento para sentir todo iso como un conxunto identitario no que vernos reflectidos.

E entre os alalás e o "regato que troulea" xorde a pandeireta, orgullosa e plena de potencia, como icona dunha música que treme dende o seu pulso, dende a capacidade dun instrumento por facer da súa pel a palma dunha terra dende a que facernos bailar a todos, dende a que sentir ese latexo ancestral que nos contén a todos do mesmo xeito en que nos conteñen estas once cancións. Once beliscos na pel dos que escoitamos unhas músicas que xorden do pozo da terra, dese manancial que tamén é facho e que prende en nós. Dende a Muiñeira irmandiña coa que arrinca o disco converténdose nunha plena declaración de intencións do que virá despois, ata o Alalá do Cebreiro, que te pon un nó na gorxa e que pecha unha sucesión de ventos que dende diferentes ritmos configuran un todo harmónico. Nesa harmonía e dende o noso gozo é dende axudamos a sentir a Xabier Díaz capaz de transmitir ese orgullo seu polo que está a facer coa nosa música e que se contaxia tanto nos seus discos como, e se cadra dun xeito máis poderoso pola complicidade dos que asisten e participan neles con cantos e bailes, nos seus numerosos recitais ao longo da nosa xeografía.

Cancións como Maruxa do benquerer, Maneo náufrago, Ramo de borbolla ou a que lle dá título ao disco, Axúdame a sentir, neste "abril que anda a cucar", son parte deste canto comunal. Letras de amoríos, de cantos á virxe, de labores no agro... mais todos convértense en momentos de ledicia, instantes para compartir co resto do clan, converténdose naquilo que nos evade do cotiá e que fai mover os pés e alegrar a alma. Todo como parte desa tarefa de sentir e de sentírmonos integrantes dun colectivo ao que Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre achegan unha corrente interna de emoción que, con forma de música, é parte dese elo que nos une a uns devanceiros que estarían ben orgullosos de que nestes tempos aínda se lles preste a obrigada atención que merecen.

Comentarios