Opinión

A resistencia do cotiá

Elena Gallego converte O legado da nena do sal nunha emocionante homenaxe á súa nai, pero tamén a tantas persoas que tiveron que sofrir na posguerra unhas duras condicións de vida cheas de arrepiantes abusos e desprezos á condición humana.
Dúas mulleres observan os efectos dun bombardeo en Barcelona/EFE
photo_camera Dúas mulleres observan os efectos dun bombardeo en Barcelona/EFE

UNHA promesa feita nas últimas horas de vida pola escritora e xornalista Elena Gallego a súa nai, co que iso supón, cúmprese agora coa saída do prelo de Xerais de O legado da nena do sal na que se novela a vida dunha muller na que se reflicten as duras condicións de vida nas que moitas mulleres tiveron que sobrevivir ás situacións derivadas da Guerra Civil, neste caso na vila de Viveiro, pero que pode servir perfectamente de modelo do que se viviu en moitas localidades galegas cando os abusos, a perda de respecto e os intereses económicos se impoñían a calquera outra realidade máis vencellada ao latexo humano.

Estamos, daquela, ante unha novela chea de valentía, tanto polo que se conta, por enfrontarse a unha historia tan íntima, cunhas arestas afiadas nas que a pouco que pases a man sobre elas xorde a dor, pero tamén polo xeito da súa escrita, por un interesante traballo en dúas liñas temporais: a dos feitos vividos por Carmiña naquel Viveiro de familias poderosas e outras menos, de relacións veciñais cargadas de envexas e odios, de silencios e medos; e a dun presente no que dous dos seus fillos, Inés (trasunto da propia Elena Gallego) e o seu irmán andan á procura de escribir e cotexar os datos precisos para darlle credibilidade aos apuntamentos feitos por Carmiña ao longo de toda a súa vida sobre diferentes circunstancias. Eses cadernos, que apareceron esparexidos por toda casa á hora de poñer orde tras o seu pasamento, son os primeiros fíos dos que tirar pola autora, pero tamén os que aportan as primeiras dúbidas sobre se ese material realmente contén o substrato necesario para que medre unha novela. Desas dúbidas Elena Gallego converte en cómplice ao lector que rápidamente se sente parte desa narración ao compartir esas inquedanzas ao mesmo tempo que se lle fai partícipe do propio proceso da escrita, dos avances, dos atrancos... e de cómo conseguir que seiscentas páxinas non se fagan aburridas e turren dun, desexando coñecer o final e os diferentes finais dos implicados nesta historia que tamén é coral, como reflexo dun tempo tan determinado, dun colectivo de persoas marcados por ese instante e por unhas condicións económicas e de clases sociais moitas veces máis relevantes á hora das desigualdades e os abusos que as ideoloxías.

O legado da nena do sal é tamén un magnífico exemplo de cómo a literatura é un perfecto complemento ao que poden ser os manuais de historia ao deterse nesa vida das persoas anónimas, lonxe dos grandes feitos e humanizando todo o acontecido. Os heroes non sempre xorden dos grandes capítulos da historia, senón que tamén os atopamos no que podiamos chamar a resistencia do cotiá, na que Elena Gallego fai un fondo traballo de documentación e explicación de cómo eran as xornadas da xente naquel tempo, as tarefas da casa, os labores no campo, a gastronomía... e todo iso sumarase a un relevante labor de documentación en arquivos para a correcta contextualización do momento e para pescudar na xenealoxía familiar. Esta tarefa tamén se dá na propia trama da novela, e que nos leva a relevancia e querencia de Elena Gallego polo labor xornalístico, coa preocupación de Inés por atar cabos, por falar coa xente na propia vila de Viveiro buscando eses ecos de pasado e que aínda latexan hoxe, tamén como mudou a vila ao longo do tempo e que tamén é unha muda das propias xeracións, tantas veces alleas ao seu pasado, e que este libro loita por non perder.

Dese mesmo xeito Elena Gallego tamén activa no lector un espertador íntimo para que se pregunte polo que aconteceu na súa propia familiar e que non queden pendentes conversas entre pais e fillos, conversas que cando algún falte non se poderán producir, quedando moitas cuestións que nalgún momento serán relevantes para todos nós, e estarán definitivamente perdidas. Precisamente, cando estamos a vivir un momento no que o relacionado coa Memoria histórica se pretende que quede agochado no olvido, cando mesmo semella que a unha ditadura non se lle pode chamar así, son moi necesarias estas novelas que afondan nese non esquecemento a través de historias persoais que, como a da nai de Elena Gallego, deberíannos encher de orgullo polo que viviron baixo a pesada lousa da inxustiza, dunha sinrazón que nos ten que dar hoxe a razón para seguir loitando por coñecer e saber todo o vivido polos nosos devanceiros.

Comentarios