Blog | O Cabaret Voltaire

Últimos ventos do furacán Lolita

Vigo nunca foi un plató frecuentado para as longametraxes do século XX. Henry Vorins rodou o seu melodrama shakespirián Maruxa en 1923, pero pasaría medio século ata que Jaime de Armiñán filmase Mi querida señorita. Foi en 1971, cando decidiu meter unha carga explosiva no edificio da moral católica e antiga que mantiña a ditadura.
Jaime de Armiñán. EP
photo_camera Jaime de Armiñán. EP

Maruxa non ten maior complicación no guión. É unha traxedia sentimental sobre Rosa, unha rica namorada dun pastor, Pablo, namorado asemade de Maruxa, unha rapaza analfabeta, pretendida por Antonio, o outro rico do filme para quen se decidiu unha voda con Rosa. En fin, unha historia sinxela de escribir que soamente require un diagrama para non despistarse das relacións entre os personaxes. Hoxe usaríamos unha folla de Excel. A falta de orixinalidade de Henry Vorins chega ao punto de que Maruxa lle pide a Rosa que lle redacte as cartas de amor a Pablo, que, este si, sabe ler. A partir desas cartas nace o conflito, que lles vou aforrar ler porque coñecerán o Cyrano de Bergerac que escribiu Edmond Rostand. Cyrano é un soldado poeta, orgulloso e sentimental e posuidor dun nariz descomunal que o amarga namorado de Roxanne. Ela quere a un cadete Christian de Neuvilette, que ten a beleza por toda virtude. Cyrano, máis intelixente e sensible, redactará cartas coa sinatura de Christian que namoran a Roxanne.

Jaime de Armiñán trataría tamén o asunto da máscara, da disconformidade entre o físico e o desexo en Mi querida señorita, sendo pioneiro ao abordar a disforia de xénero cando comezaban os anos 70. José Luis Vázquez fai de Adela Castro, unha muller tardía e solteira, que acaba por atopar un pretendente. A clave da película é que ela vive no xénero no que foi criada dende nena. A esa altura avanzada da súa vida, consulta a un médico, que lle descubre que o seu corpo é masculino. Acordei desta historia polo recente pasamento do director de cinema, tamén acordei do transtorno de identidades que lle provocou a nai a Ernest Hemingway cando o vestía de cativa. O escritor lanzouse despois a unha carreira tola de masculinidade en guerras, borracheiras, pesca de grandes monstros túnidos e cacerías feroces en África.

O terceiro que lembrei foi o  avó do realizador, o correspondente de guerra Luis de Armiñán Pérez (1871-1949). Cubriu a campaña de Marrocos, a Primeira Guerra Mundial e a Guerra do 36 en Galicia. Foi un experto en dós a pistola. No seu libro El duelo en mi tiempo —que publicou Renacimiento hai un ano— recolle a súa experiencia neste campo como xuíz de campo, padriño e mesmo participante en desputas de honra. Nese ensaio fala sobre políticos, escritores e periodistas de finais del siglo XIX e das primeiras décadas do século XX que se situaron na delgada parede medianeira entre a vida e a morte porque se sentiran ofendidos.

O seu fillo Luis de Armiñán Odriozola foi redactor do ABC e, ocasionalmente, gobernador civil de Lugo; apenas un mes, entre setembro e outubro de 1933. Marchou acertadamente segundo remataban as festas de San Froilán.

Jaime de Armiñán tiña un recordo potente do noso país. Como fora un neno débil non comía ovo. A primeira vez foi nunha viaxe entre Madrid e Lugo en plena Guerra do 36 sendo neno. O director ten contado que probou o ovo nunha tortilla en terras lucenses. Esa avance o combate contra a alerxia impresinouno máis que o matrimonio que os acompañaba, que eran José Ortega y Gasset e a súa muller, Rosa Spottorno. Antes de casar, o filósofo estivera en Vigo facendo as beiras á súa curmá Josefa. Dese paso por Galicia consérvanse noticia de que asistiu a unha conferencia do seu amigo Ramiro de Maeztu e enviou varias cartas, se ben nada tiñan que ver coas veladuras de Cyrano. Cóntao o seu fillo José Ortega Spottorno en Los Ortega (Taurus, 2002).

Armiñán volveu a Vigo en 1978 para rodar un filme menor, Al servicio de la mujer en España. Está artellada arredor da directora dun consultorio sentimental.

A terceira oportunidade que lle deu á cidade foi El nido (1980). Nela o fillo do gobernador civil volveu arriscar. Fala sobre a idade e o sexo a través da historia de Don Alejandro (Héctor Alterio), un viúvo tan tradicional que se reclama de Ciudad Rodrigo. Un día coñece a Goyita (Ana Torrent), unha cativa que o namora. O atranco é que a rapaza vive nunha casa cuartel: todo un chisco ousado do director nun guión sobre unha Lolita.

Penso que vin El nido hai uns anos na Española, pero non estou certo porque  o asunto dos amores tardíos que buscan redimir a condena da idade con adolescentes prodúceme reparo. Vin tamén  a película Lolita (1962) de Stanley Kubrick. O realizador norteamericano mide os límites morais que sabe que non pode sobrepasar naqueles principio dos anos 60. Cary Grant rexeitara facer de Humbert Humbert  porque sentía "noxo" polo personaxe, a novela no atopara editor en Estados Unidos por "depravación moral" e tivo que ser publicada en Francia.

A Nabokov linlle varias novelas e os cursos de literatura,pero non Lolita. Pese a que temos unha tradución espléndida ao galego feita por Xesús Fraga para Faktoría K.

Durante moitos anos pregunteime cómo puido escribir esa historia que nos fai tremer a alma unicamente con pensar nela un exiliado permamente —coa fraxilidade que supón escapar de contino—, un pacífico señor que saía ao campo cazar volvoretas en pantalón curto, un sensible amante das palabras.

Pero tiven varias revelacións que me axudaron a comprender a intención do autor con esa novela. Vounas anotar tres: Nabokov revela que lle gustaría ser «suficientemente rico» como para poder volver vivir na súa infancia, sente desprezo polas teorías edípicas de Freud e afirma en 1975 en Apostrophes, o programa de Bernard Pivot, que en Lolita non hai ningunha Lolita porque a cativa "non seduce a Humbert Humbert". 

Busquen esa entrevista en internet. A maiores do derroche de sabedoría poden ver a un xigante intelectual no estudo de televisión nunha situación ridícula. Nese encontro co mellor periodista de cultura de Francia parece un cativo escondido nunha consulta médica. Aparece sentado tras unha muralla de libros que agochan un taco de folios. A súa timidez era tan paralizante que tivo que escribir as repostas ao cuestionario de Pivot para lelas en directo. Cando o xornalista repregunta, Nabokov contesta vacilante e brevemente como se fose incapaz de artellar unha resposta intelixente nuns segundos.  O autor dicía sobre si mesmo que "penso coma un xenio, escribo como un autor distinguido e falo coma un neno". 

No outubro pasado apareceu en Francia O furacán Lolita, un libro de cen páxinas que recolle as reflexións  sobre o asunto que fixo viúva do literato, Vera, nun diario persoal dos anos 1958 e 1959. Ela sostén que as acusacións sobre a novela causaban "horror" ao seu home.

A morte de Armiñán cruzouseme coa revelación sobre Vladimir Nabokov que fai Pau Luque en Las cosas son como son y otras fantasías (Anagrama, 2020). Penso que xa lles falei desde ensaio, pero volvo facelo co gallo desas dúas películas, El nido e Lolita. Pau Luque desenvolve a teoría do autor sobre falta de intención perversa de Lolita baseándose en que Humbert Humbert lle dá cartos, regalos e mesmo drogas para sometela. A miña conclusión é que toda a xustificación do mal está na cabeza do pederasta porque, como apunta Luque, "trata a Lolita como un obxecto inanimado e asemade sostén que o provoca".

Guiado por Las cosas son como son... cheguei a un artigo publicado por Monika Zgustova en El País en 2019.  En Lolita es Nabokov, a escritora checa desvela que o novelista ruso padeceu abusos cando era un neno por parte do seu tío Ruka, polo que "Vladimir sería Lolita e Ruka sería Humbert". Partindo desa hipótese, Zgustova interpreta pasaxes do libro Lolita como lembranzas daqueles ataques tan feroces á súa inocencia,

Comentarios