de actualidad
foto Pedro J. Ramírez
Quitamerendas

Belén López

Votacion: 
5 (1 voto)

Corvos guerreiros

NON É sinxelo xogar a Infinity. «Se me poño contigo 15 minutos, podería explicarche o fundamental para comezar a xogar. Pero non, non é sinxelo. É un xogo ao que definitivamente tes que querer xogar con ganas, poñer da túa parte, porque esixe un coñecemento previo do regulamento e concentración», conta Gutier Lusquiños (Vigo, 1977). Afincado en Pontevedra dende cativo e licenciado en Historia da Arte, el é un dos creadores deste xogo de estratexia, ou wargame (un xogo de mesa no que se recrean batallas ou operacións militares empregando figuras en miniatura sobre unha maqueta ou diorama). É tamén un dos socios da empresa que está detrás de Infinity, Corvus Belli, firma con sede en Bueu, que factura dous millóns de euros ao ano, emprega a 56 persoas («que é do que máis nos gusta persumir») e exporta os seus produtos a 25 países. «Sen ter pedido nunca un crédito bancario». Iso é posible? «Por suposto que si. Queres saber o segredo? Ir pouco a pouco, dando pasos pequenos e moi meditados, pero seguros, e reinvestir todos os beneficios na empresa». Son a terceira firma do sector en Europa e a cuarta nos Estados Unidos.

A historia de Corvus Belli comeza no ano 2001, cando tres amigos, os irmáns Fernando e Begoña Liste e o seu amigo Carlos Torres (Pontevedra, 1973), deciden crear unha empresa de xogos de estratexia. «Cando eramos máis novos sentiamos certo apego polos xogos deste tipo. Así que nos pareceu boa idea adicarnos a isto profesionalmente», conta. Comezaron fabricando e vendendo figuriñas metálicas. «En Cangas. Non por nada, simplemente é que Fernando tiña un anexo no garaxe da casa dos seus pais no que podiamos traballar», explica o fundador da empresa, formado na Escola de Restauración. Lembra tamén como saíu a elección do nome, Corvus Belli (corvo da guerra), na procura dun bautismo épico para a firma. «Mentres faciamos esas miniaturas para ‘históricos’ decatámonos de que o que necesitabamos era crear un xogo. Foi cando nos puxemos en contacto con Gutier e Alberto, aos que xa coñeciamos de antes. Estabamos seguros de que podiamos facer un xogo mellor que os que xa había no mercado. Así naceu Infinity».

A empresa amplíase entón a seis socios. Ademais de Gutier Lusquiños, entra outro rapaz de Pontevedra, Alberto Abal (1972), licenciado en Belas Artes. Todos son vellos coñecidos: teñen gustos e afeccións comúns. «Entre outras cousas, nós fomos os iniciadores deste tipo de xogos en Pontevedra», lembra Abal. «Organizámonos e ata tivemos un club, o primeiro de xogos de rol que houbo en Pontevedra. Tiña un nome en gaélico, Tuatha de Dannan (Os fillos da deusa Dana)». Por certo: non covén confundir unha cousa con outra, non son o mesmo xogos de rol que xogos de estratexia. «Un xogo de rol é colaborativo, de teatro, un xogo de combate é competitivo, de simulación».

Ademais, Lusquiños e Abal eran autores dun cómic que coñecía Carlos Torres e que lle gustaba. «Tiñamos un argumento, uns personaxes... Podiamos usar todo aquilo para crear Infinity. Así foi que nos metemos neste lío». Precisamente o xénero da historia do cómic foi clave no éxito do wargame. «Cando Corvus Belli creou o xogo, no ano 2002, estabamos en pleno boom de O señor dos aneis. Todo eran xogos de fantasía. Nós propuxemos un de ciencia ficción», explica Gutier Lusquiños. «A historia transcorrería nun futuro próximo, de xeito que a tecnoloxía fose avanzada, pero recoñecible. Partindo da realidade actual desenvolvemos unha serie de arquetipos histórico-culturais e trasladámolos ao futuro. Temos unha superpotencia mundial occidental enfrontada a outra oriental. Collemos a parte máis chula do Islam, a do Al-Andalus, a da filosofía e da sabedoría, e tamén lle demos o seu protagonismo. Engadimos unha colonia medio esquecida, como retro, que conserva a tecnoloxía actual. E para rematar, os malos, que neste caso son uns alieníxenas que queren invadirnos».

Os mozos comezaron a vender as figuriñas para xogar a Infinity, os dados, o resto das pezas que se precisan, libros co regulamento e co trasfondo da historia, merchandising... e a proposta calou entre os afeccionados. «Todos sabiamos que podiamos mellorar os xogos que había no mercado e fixémolo». Por exemplo, modificando o xeito de xogar, o que chaman sistema de reacción, que rachaba coa idea anterior de non interferir nos movementos do contrario. «Tiñamos un súper xogo nas mans e confiabamos nel. Outra cousa é que ningún de nós podía imaxinar o que ía medrar», di Alberto Abal. Hoxe teñen milleiros de xogadores en todo o mundo e mesmo competicións propias. E iso que este mercado é moi particular. Explícao Lusquiños: «O mercado das miniaturas é raro porque llo pon difícil ao comprador. Mercas as pezas, que veñen desmontadas e que tes que pintar. Hai que ler o regulamento e aprender como se xoga. E, despois, o máis difícil, atopar a alguén con quen xogar». Que tamén é o máis bonito. «A primeira vez que ves no foro a dous xogadores citándose para unha partida nalgún sitio, volves para a casa flotando».

Na era dos videoxogos, hai quen aínda xoga con soldadiños de chumbo. «Por enriba de todo, o ser humano é un animal social. Sempre vai molar ter ao outro xogador enfronte, tocalo e ulilo».

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.