de actualidad
Miguel Arenas Beltrán, Valtonyc_Es Actualidad Valtonyc
A lume maino

María Varela

Votacion: 
No hay votos

Vacas pastando en Viascón

Ollo da vaca

VINAS MOITAS veces co nariz pegado á ventá de atrás do coche, naqueles días nos que os asentos traseiros nin tiñan cinto. Aparecían, quedas, nos campos que lindaban coa estrada, aledando a paisaxe, pacendo ou adurmiñando a tardiña, e daquela sabiamos que nos achegabamos a Lugo. Eran e son un deses sinais claros que delatan un lugar, como as vides ou o ceo azul das Rías Baixas, os tellados de pizarra nas zonas de neve ou o verde húmido do corazón galego. Como os recendos, inconfundibles, das vilas.

Cuando eramos nenos, unha das visitas que nos gustaba facer cos nosos avós era a uns parentes dunha pequena aldea chairega. Eu sempre crera que o gandeiro fora pirata nun tempo anterior porque tiña unha perna de madeira que nos ensinaba subindo o pantalón disimuladamente cando non miraba a súa muller, e ademais faltáballe un ollo. Pedro, que así se chamaba, estaba orgulloso da súa corte: alí andaban a Mora, a Xata e a Pinta e a Marela e unha morea delas máis, unha para cada un de nós, dicía ós cativos mentres nos deixaba darlles de comer. Todas elas formaban parte dunha desas grandes explotacións leiteiras que foron esmorecendo a finais do século pasado. Aínda que a nós o que nos preocupara era a pata de pao do gandeiro, ou a lonxitude daquelas linguas, ou se en verdade as vacas estaban alí con nós ou na lúa.

Elas, as protagonistas desta historia, as pouquiñas que reinan aínda no agro galego conservan ese poder de atraer a propios e estraños dun país que lles debe moito. Coñecín unha vez a un fotógrafo fascinado pola beleza case sagrada destes animais, que sempre que se cruzaba con elas camiño do traballo detía o coche e disparaba unhas cantas veces a fin de retratar a súa fermosura da terra, e eses ollos de vaca que parecían mirar para a cámara. Xa fora tras dun valado de arames, ou baixo os muíños xigantes da eólica, ou nunha corredoira dunha vella aldea. Sempre atopaba a maneira de sacalas bonitas, coma se pousaran para el.

O verán pasado case vemos nacer unha. Chegamos cando trataba de manter estiradas as patas e sosterse sobre elas. A súa dona érguese coa alba para darlles de comer e muxilas, conduce os tractores que fai falta para carretar auga para elas nas estacións de seca e se é preciso levantarse en metade da noite dun agosto abafante para protexelas dunha tormenta tamén é a primeira que o fai canda a súa nai. Con dez anos xa tiña visto nacer a unhas cantas e con dezaseis atendía os partos xunto ó veterinario. Sabe dos sacrificos de sacar adiante unha granxa como a súa, pero polo de agora pensa apostar polo campo, di.

Hoxe sei que elas, as vacas, son moito máis que pezas nunha paisaxe enxebre e agarimosa, á que asistimos cando nos afastamos do Eixo atlántico que a súa historia discorre parella á da nosa terra. Desde os debuxos de Castelao ou os versos de Rosalía ós diarios dos nosos días.

Hai uns días lin que unha cooperativa integrada por mulleres estrea unha marca de leite fresco galego. E nos tempos nos que é máis frecuente falar de protestas dos gandeiros polos prezos ós que se paga o produto, ou de granxas que pechan ou doutras que non pechan porque non poden facer fronte ás perdas, ou de litros de leite tirados polo chan en sinal de protesta, é unha boa nova por partida dobre. Ou triple. Malia que invertir a tendencia farían falta moitas máis mulleres e homes dispostos a apostar polo agro, ou simplemente moitos máis homes e mulleres.

Uns anos atrás facendo unha reportaxe demos cunha empresaria que mudara unha oficina na cidade pola aventura de embarcarse nunha gandeiría familiar. Recoñeceu que os comezos foron extremadamente duros, pero hoxe as súas galletas de nata son coñecidas en moitos recunchos do mundo. Ela mima ás súas vacas, ponlles música e pinta de cores a corte para telas contentas e elas encárganse de producir leite con denominación de orixe que lle dá o sabor e a sona.

Igual aí está a clave, en coidar do noso, en aprecialo e mimalo, en garantir a súa continuidade, porque vale ouro aínda que non o saibamos.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.