Dimite o cuarto xefe de comunicación da Casa Branca, oito meses despois

Bill Shine traballará agora na campaña para a reelección de Trump nos comicios de 2020 como "conselleiro senior"

Donald Trump. MICHAEL REYNOLDS (EFE)
photo_camera Donald Trump. MICHAEL REYNOLDS (EFE)

O xefe de comunicación da Casa Branca, Bill Shine, dimitiu do seu cargo oitos meses despois de que o presidente de EE.UU., Donald Trump, o designara como o cuarto responsable dese posto durante o seu mandato, informou este venres a secretaria de prensa, Sarah Sanders.

Shine traballará agora na campaña para a reelección de Trump nos comicios de 2020 como "conselleiro senior". "Servir ao presidente Trump e a este país foi a experiencia máis gratificante de toda a miña vida. (...) Estou ansioso por traballar na campaña de reelección de Trump e pasar máis tempo coa miña familia", sostivo Shine no comunicado da Casa Branca.

Con esta decisión, Shine convértese no cuarto director de comunicación de Trump que dimite en apenas dous anos e medio de mandato, despois de Mike Dubke, Hope Hicks e Anthony Scaramucci, quen marcou unha marca ao abandonar a Casa Branca despois de só dez días no posto, debido ás súas polémicas declaracións e a súa falta de disciplina.

Antes de ingresar no equipo do presidente, Shine, de 54 anos, foi despedido o pasado ano do seu cargo de copresidente da cadea de televisión conservadora Fox News pola súa mala xestión dos escándalos de acoso sexual na empresa, que levaron a dimitir ao fundador da canle, Roger Ailes, moi próximo a Trump.

O nomeamento afianzou aínda máis os lazos do mandatario coa cadea conservadora, coa que contacta a miúdo en directo e cuxos contidos adoitan motivar as súas publicacións en Twitter e as súas declaracións en público.

Precisamente cos seus tuits diarios, Trump deixou claro que el é quen leva as rendas da comunicación da Casa Branca e en varias ocasións expresou o seu escepticismo respecto dese cargo. "Bill Shine fixo un excelente traballo traballando para min e para a Administración. Estrañarémolo na Casa Branca, pero esperamos traballar xuntos na campaña presidencial de 2020, onde estará totalmente involucrado. ¡Grazas a Bill e a súa marabillosa familia!", expresou Trump tras o anuncio da súa dimisión.

Comentarios