Santiago é a meta dunha viaxe para os peregrinos, aínda que Philippe Lambert quixo que fose o inicio dunha aventura que o levará a percorrer en bicicleta preto de 3.000 quilómetros ata Francia para concienciar sobre a enfermidade que sofre, a esclerose múltiple.
O galo, de 56 anos, comezou a viaxe este mércores, xornada na que completou os máis de 100 quilómetros que separan Compostela de Sarria. Este xoves realiza a segunda etapa, con destino Ponferrada. El non está só nesta aventura, percorre o Camiño de Santiago ao revés cun amigo, Romain Quintin, mentres que a súa familia os acompaña en dúas autocaravanas.
Lambert é o presidente e fundador da asociación Defisep da localidade de Noeux-les-Mines (no norte de Francia), a cal loita por mellorar o día a día das persoas con esclerose múltiple. Unha enfermidade que el ten desde hai "45 anos" e pola que sofre tremores nas mans e problemas de coordinación, atención, concentración e memoria, segundo explica á súa chegada ao cámping Vila de Sarria.
Quere "sensibilizar e concienciar" sobre a esclerose múltiple, ademais de demostrar que se pode "vivir e convivir" coa enfermidade
A súa doenza non lle impide marcarse como obxectivo percorrer ata 8 de maio os 2.864 quilómetros que separan Santiago de Noeux-les-Mines, os que supoñen un total de 41.000 metros de desnivel. Para esta iniciativa conta con patrocinadores.
¿Por que leva a cabo esta aventura? Porque "estou tolo, cando viña para España e vía as subidas que imos ter, é para tolos", chancea. Xa serio, sinala, que quere "sensibilizar e concienciar" sobre a esclerose múltiple, ademais de demostrar que se pode "vivir e convivir" coa enfermidade.
A el non lle dá medo o reto co que se enfronta, para o que estivo a adestrar "cinco meses" nun hospital. Tras a primeira etapa asegura que sente fatiga e cansazo nas pernas, pero "non me afecta máis pola enfermidade".
Recoñece que a aventura será dura, como a subida ao Cebreiro, aínda que desde esta localidade ata Ponferrada xa irá "docemente", din entre risas Philippe Lambert e Romain Quintin. Este, o seu "mellor amigo", animouse a acompañalo nesta fazaña e, ademais, é vicepresidente da asociación Defisep.