Nadal remonta e enfrontarase a Del Potro en semifinais

O balear asinou tres mangas consecutivos despois de que o mércores fose suspendido o partido contra Diego Schwartzman, cando perdía por un set

Rafa Nadal celebra un punto ante Schwartzman.GUILLAUME HORCAJUELO (Efe)
photo_camera Rafa Nadal celebra un punto ante Schwartzman.GUILLAUME HORCAJUELO (Efe)

O balear Rafael Nadal recuperouse do sufoco do mércores, cando se aprazou pola choiva o seu partido ante o arxentino Diego Schwartzman no que ía en desvantaxe, e selou este xoves o seu pase ás semifinais de Roland Garros, onde lle espera o arxentino Juan Martín del Potro.

Nun partido que se estendeu tres horas e 42 minutos —dúas horas xogadas o mércores e unha hora e 42 minutos o—xoves , o número un do mundo conseguiu dobrar o xeonllo ao duro e correúdo xogador arxentino, ao que tivo que remontar un set en contra (4-6) impóndose 6-3, 6-2 e 6-2 nos seguintes.

Nadal, quen viu cortada a súa serie de 37 mangas seguidas gañadas en Roland Garros por culpa de Schwartzman, mellorou a súa prestación logo dos dous paróns do mércores pola tarde debido á choiva. Incluso chegou a recoñecer tras o partido que tivera "un pouquiño de sorte" con esta circunstancia climática.

"Ás veces un tamén necesita nun momento dado un pouco de sorte como o tiven onte polo parón por choiva para reflexionar, facer un lavado de ideas, quitarche nun momento determinado os nervios e ver as cousas cun pouquiño máis de claridade", admitía o español. 

Na primeira interrupción, o tenista español perdía o primeiro set (6-4) e estaba incluso 3-2 abaixo na segunda manga.

Cando se retomou o partido 45 minutos despois, Nadal deu a volta ao marcador en só 20 minutos e púxose 5-3 xusto no momento en que se decretou o adiamento do encontro ata este xoves.

Co sol que asomou este xoves na Philippe Chatrier, o español sacou o mazo e controlou a agresividade do seu amigo Schwartzman, duodécimo do mundo.

"Foi moi difícil. É un gran amigo (Schwartzman), un gran traballador. Deséxolle todo o mellor para o futuro. Despois do parón pola choiva xoguei moito mellor, máis agresivo", manifestou ao termo do partido.

O tenista de Manacor celebrou o punto gañador do partido -conseguido ao cuarto intento- cun salto de xúbilo. E non era para menos. A resistencia que lle ofreceu o pequeno xogador de Buenos Aires (1,70 metros) non a atopou neste torneo, no que apeou a Simone Bolelli (130), Guido Pella (78), Richard Gasquet (32) e Maximilian Marterer (70).

Estas semifinais, que serán contra Del Potro, serán as undécimas de Nadal en Roland Garros. Sempre que chegou a esta rolda acabou facéndose coa Copa dos Mosqueteiros. No entanto, Schwartzman apuntou na a prensa que o seu compatriota "ten moitas probabilidades", dado ao alto nivel ao que está a competir e recordou que xa derrotou varias veces ao español. 

Comentarios