Tres profesores e dous enxeñeiros do grupo de mecánica de estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade de A Coruña (UDC) levan 13 meses inmersos no deseño estrutural do primeiro avión hipersónico europeo que voará a oito veces a velocidade do son, isto é, a uns asombrosos 10.000 quilómetros por hora. A aeronave, que poderá transportar a 300 persoas, está chamada a ser a sucesora mellorada do Concorde, que era capaz de completar unha viaxe entre París e Nova York en tres horas e media, tiña capacidade para 144 pasaxeiros e operou por última vez o 24 de outubro de 2003, principalmente polo seu elevado custo de fabricación e mantemento.
Financiado pola UE, no proxecto Stratofly traballa un consorcio no que participan grupos de investigación de Francia, Italia, Alemaña, Holanda, Suecia e España. O labor do grupo coruñés é dimensionar e optimizar a estrutura do aparello para que sexa estable, "minimizando o material a utilizar para reducir o peso, a clave para que un avión voe cun gasto de combustible eficiente", como constata o catedrático da UDC Santiago Hernández. A idea é que a aeronave sexa capaz de cubrir 20.000 quilómetros en tres horas, isto é, a metade do perímetro da terra, o equivalente a viaxar de Londres a Nova Zelandia. O responsable do grupo interveu este xoves no III Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial, organizado polo Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) en Santiago.
O Concorde voaba a dúas veces a velocidade do son; o hipersónico irá catro veces máis rápido e terá máis autonomía
En declaracións a AGN, explicou que esta proeza da enxeñería, que estará operativa en dez anos, voará na estratosfera a uns 30 quilómetros de altitude, cando agora unha nave convencional opera a 10. A fase de deseño concluirá a finais de 2020 e, a continuación, abriríase unha segunda parte do proxecto Stratofly na que se realizará unha definición "máis detallada" do avión. Entón poderían sumarse xa os grandes fabricantes a un proxecto que pode traer oportunidades á industria galega.
En canto ao impacto nos pasaxeiros que suporá esta revolución na forma de viaxar, o catedrático explica que a experiencia do viaxeiro será idéntica á actual. "A presión no interior do avión seguirá sendo a equivalente a estar a 1.500 metros de altitude, isto é, como cando subimos a Pena Trevinca". Hernández incide en que a misión encomendada á UDC é "crucial", pois consiste en deseñar un avión seguro "utilizando a cantidade de material necesaria". "A aviación é o medio de transporte máis seguro, pois a probabilidade de sufrir un accidente é 70 veces menor á de que toque o Gordo de Nadal", sostén o experto.
O dron Targus de Rozas
O foro tamén serviu a Indra para avanzar que a finais de 2019 iniciará as súas probas de voo o dron Targus, desenvolvido no polo de Rozas. No evento, o conselleiro de Economía destacou que o complexo de Castro de Rei impulsou xa a creación de 400 empregos.