Doce marcas galegas de artesanía participarán nun obradoiro de internacionalización que se levará ao cabo este mércores, día 6, ás 16.30 horas, na tenda-obradoiro da agrupación Creativas Galegas, sita na compostelá rúa da Caldeirería.
Impartido pola consultora María Blanco, de Voando Lonxe, esta actividade enmárcase no contexto da celebración do Día Internacional da Muller e abordará cuestións tan capitais para a industria como as distintas estratexias de internacionalización neste eido, a identificación de oportunidades no mercado global, a construción dunha marca forte e o coñecemento das ferramentas e recursos dispoñibles para que as artesás logren o seu obxectivo.
María Blanco: "O obxectivo é destacar e promover o talento e a proxección internacional do traballo destas mulleres"
En palabras de Blanco, a iniciativa busca "destacar e promover o talento e a proxección internacional do traballo destas mulleres", que levan xa anos sendo "vangarda da industria artesanal galega". Ademais, supón "unha oportunidade para coñecer as experiencias e os desafíos das marcas artesanais que participarán" no encontro.