A tarxeta galega para comprar produtos básicos tramitarase nun máximo de tres días

Aprobadas as primeiras medidas do plan de recuperación social, cun "menú solidario" que familias poderán solicitar en locais hostaleiros 
 
Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. PEPE FERRÍN (AGN)

A tarxeta moedeiro coa que a Xunta prevé que unhas 30.000 familias en situación de vulnerabilidade e que non accederon aínda a unha renda social poidan adquirir produtos de primeira necesidade será tramitada nun máximo de tres días desde a súa solicitude no Concello correspondente. É un dos detalles do plan autonómico de recuperación social que trasladou este venres o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras a súa aprobación no Consello da Xunta.

En concreto, o titular do Executivo galego debullou un "primeiro bloque" de sete medidas deseñadas para paliar as consecuencias da crise sanitaria polo coronavirus, que engloban unha achega de 38 millóns de euros para os fogares máis vulnerables a partir da próxima semana. Entre eles atópase esta tarxeta moedeiro destinada a familias que carecen de emprego ou ingresos fixos e que non accederon aínda a unha renda social.

Á parte dos datos que avanzou o xoves sobre esta iniciativa —é dicir, que se poderán recargar ao longo dos próximos tres meses cunha cota por cada mes e que o seu importe total será de 450 euros para as persoas que viven soas, de 600 euros para familias de dous membros e de 900 euros para familias de tres ou máis membros— Feijóo informou de que as tarxetas "quedarán automaticamente sen efecto" en canto os seus beneficiarios accedan á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e ao Ingreso Mínimo Vital (IMV). Na súa xestión colaborará a Cruz Vermella.

Como segunda medida, Feijóo referiuse ao menú solidario, que pretende dar cobertura a 20.000 persoas ás que se lles cofinanciará o menú nos establecementos hostaleiros de Galicia. Os seus destinatarios son persoas con ingresos mensuais inferiores ao 60% da mediana pero por encima dos requisitos da Risga e tamén se articulará a través dunha cartón moedeiro, precargada con 30 menús.

Pola súa banda, os negocios participantes comprométense a ofrecer un menú do día a 8 euros, dos que a Xunta custeará 5 e o beneficiario 3. Así pois, búscase unha ganancia dobre: "Non oculto que se trata de facilitar tamén á hostalería a posibilidade de ingresar nestes momentos de dificultade", explicou Feijóo.

XANTAR NA CASA. Dentro deste ámbito, o presidente da Xunta subliñou que se contempla ademais a extensión do programa Xantar na Casa a 2.000 persoas, un 40% máis que antes da urxencia sanitaria.

Ademais, en cuarto lugar, o plan prevé estender ata final deste ano, e cun 50% máis de beneficiarios, outra das medidas extraordinarias activadas pola pandemia: o servizo de Axuda no Fogar. "Neste momento percibíano 24.000 persoas e agora o poderán percibir 12.500 persoas máis, co obxectivo de axudar cun coidador a todos aqueles que precisan atención domiciliaria e que suporá 500.000 horas de coidado nos propios domicilios e a creación de 
 300 postos de traballo", aseverou.

Tamén medrará un 50% a partida orzamentaria destinada ás axudas de inclusión social, de 3 a 4,5 millóns anuais. Chegará a 1.100 persoas máis cada ano para gastos de alimentación, roupa, lentes, dentista, prótese ou calquera outra dificultade sobrevinda.

"E tamén melloraremos a tramitación da Risga e as pensións non contributivas mediante técnicas encamiñadas a axudar coa máxima axilidade a que se poidan cobrar de forma inmediata", engadiu. Para rematar, o plan incorporará unha orde especial de axudas por 1,5 millóns para as entidades de iniciativa social, que "fixeron un esforzo extraordinario".

Comentarios