A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, visitaron este luns ao líder de ERC, Oriol Junqueras, no cárcere de Lledoners, nun encontro que se prolongou durante unha hora e no que lle transmitiron a "solidariedade e apoio" da formación nacionalista galega a todos os "presos políticos, as súas familias e todas as persoas que están defendendo un dereito democrático como é o dereito a decidir".
"Defendemos que a solución ten que ser política, diálogo, absolución e liberdade para os presos políticos e, sobre esa base, estou segura de que é posible construír un futuro mellor, non só para Cataluña, senón tamén para Galicia e para todos os pobos que neste momento formamos parte do Estado español", manifestou Pontón á saída do cárcere.
Así, volveu reclamar a "absolución e posta en liberdade" de todas as persoas encarceradas "polo mero feito de defender as súas ideas políticas e o dereito do pobo catalán a decidir nas urnas".
.@anaponton e @anamirandapaz piden desde Lledoners o fin do estado de excepción antidemocático que viven os presos e as presas políticas catalás e se aposte polo diálogo para solucionar un problema exclusivamente político. pic.twitter.com/SQyP9tN2Oh
— BNG (@obloque) 5 de novembro de 2018
Así mesmo, insistiu en que é preciso "unha solución política e dialogada" para "poñer fin a este estado de excepción antidemocrática e buscar unha saída dialogada para un debate que é netamente político".
Para a líder do Bloque, o Estado español "ten un problema moi grave". "Non quere recoñecer que é un Estado plurinacional e isto implica o dereito a poder decidir o futuro, o dereito a poder construír sociedades máis avanzadas e democráticas que nos garantan dereitos e liberdades básicas", denunciou.
Por iso, a líder do Bloque considerou que é preciso "tecer a solidariedade e denunciar o que está a pasar". Ademais, advertiu da "involución democrática" do Estado ante o que "non é posible permanecer calado, nin neutral", posto que o que está en xogo é "a propia democracia, máis aló de estar a favor da independencia de Cataluña": "Non se pode ter medo, porque o medo alimenta ao monstro que é preciso derrotar".
Miranda e Pontón subliñaron a "dureza" de ver a persoas que, como Junqueras, "están privadas de liberdade polas súas ideas políticas". "Sen poder ver aos seus fillos simplemente por defender as súas ideas", lamentaron, para engadir que é unha situación que "non debería pasar nunha democracia avanzada" e que "afecta a todos, porque afecta á democracia".