A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este luns a apertura "dunha investigación con carácter inmediato" para identificar os autores das pintadas ameazantes na casa da edila do BNG e candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.
"Ningún cargo público, ningunha persoa deste país ten que ver como é atacada dese xeito sen que haxa unha resposta á altura da gravidade dos feitos" por parte das autoridades, afirmou Ana Pontón.
Hai xente covarde que ameaza con pintadas na porta da casa de persoas honestas, como é Carme Da Silva. Nin lles temos medo nin imos deixar de defender cun sorriso unha Pontevedra mellor e unha Galiza con voz propia. #EuTaménSonDaSilva pic.twitter.com/ojMNIIPq8T
— Ana Pontón (@anaponton) 24 de marzo de 2019
En declaracións aos medios de comunicación con motivo dun acto informativo en Cervo, quixo expresar toda a súa "solidariedade" coa súa "compañeira Carme da Silva" que "está sendo ameazada con pintadas" na súa propia casa.
"Isto é intolerable nun sistema democrático, que unha concelleira en Pontevedra, que ademais é candidata do BNG nas próximas eleccións do 28 de abril estea sufrindo este acoso", engadiu.
En todo caso, Pontón afirmou que "todas as persoas cobardes que están detrás deste tipo de actos" non van "a amedentrar" ás persoas próximas ao BNG, porque van seguir defendendo "unha Pontevedra mellor" e que "Galicia necesita voz propia en Madrid".