O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este xoves a posta en marcha dunha nova liña de préstamos dotada con 10 millóns de euros para os autónomos, microempresas e pemes con máis problemas de liquidez durante a pandemia ocasionada polo covid-19.
"Serán préstamos directos de entre 3.000 e 500.000 euros", explicou, antes de precisar que esta nova axuda complementa as medidas xa postas en marcha para poder atender ás necesidades dos profesionais e sectores empresariais máis afectados polo coronavirus. Por exemplo, complementará outras liñas xa anunciadas para hostalería.
Así, poderán acceder a estes créditos "con intereses baixos e próximos ao 0%" os autónomos e as empresas que se dedican a ocupacións como a economía social; o lecer nocturno e a hostalería; a industria cultural e de lecer; as que realizan a súa actividade principalmente no verán, como as orquestras; quen non teñen un emprazamento único, como os feirantes, entre outros.
Os beneficiarios dispoñerán dun prazo para a devolución de ata sete anos, nos que están incluídos tres de carencia. E poderán destinar os créditos a gastos de persoal, impostos ou arrendamentos, por exemplo.
Para que se poidan beneficiar o maior número de microempresas, pemes e autónomos e para axilizar a achega dos apoios, o titular da Xunta asegurou que esta nova liña contempla a simplificación de trámites e requisitos precisos para a concesión dos créditos.