de actualidade
foto Usain Bolt
ORZAMENTOS 2015 
Votacion: 
No hay votos

A Deputación da Coruña destina 25 millóns a préstamos a concellos a interese cero

A Deputación da Coruña contará cun orzamento de 171,3 millóns de euros en 2015, un 9 % máis respecto ao ano anterior, e destinará case 25 millóns de euros a préstamos aos 93 concellos da provincia a interese cero no marco do seu novo plan de aforro e investimentos.

Este plan establece a devolución destas cantidades en dez anos, cun ou dous de carencia, coa única condición de que os consistorios que teñan débeda financeira destinen da cantidade que reciban unha porcentaxe igual a sanear o seu concello, informa a institución provincial.

Outra das novidades destes orzamentos é a creación dunha liña de axudas a proxectos ambientais en concellos menores de 20.000 habitantes.

As bases de execución das contas inclúen novos mecanismos de control tanto das subvencións ordinarias como proxectos nos que colabora, precisa a Deputación.

Trátase duns orzamentos "realistas, con vontade de crecer, que recupera os niveis de antes da crise económica e o primeiro elaborado sen obrigacións financeiras porque a Deputación cancelou hai uns meses a súa débeda", destacou o presidente da institución provincial, Diego Calvo.

Calvo destacou que o novo plan de aforro é "dos máis importantes de toda España", pois a súa dotación de máis de 24 millóns de euros supera os 900.000 euros de Lugo, exemplificou, e "respecta totalmente a autonomía municipal". De feito, con estas contas a Deputación destinará directamente máis de 68 millóns de euros aos concellos.

Entre outras partidas, o plan para obras ambientais en concellos de menos de 20.000 habitantes contará cun millón de euros; as obras viarias e o plan de conservación de estradas provinciais 11,1 millóns; o plan de travesías 2,4 millóns; ou o plan de beirarrúas 2,5 millóns. Nos últimos anos, a Deputación da Coruña dedicou máis de 300 millóns de euros a axudas aos 93 concellos da provincia.

En canto aos gastos de persoal, baixan ao 22 % do total, e as partidas destinadas a proxectos e investimentos en servizos sociais blindaranse. "Non estamos a falar dunha liña vermella, senón dun incremento importantísimo que, no caso da convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, multiplicouse por dous nos últimos anos", dixo Calvo, que no caso do apoio aos consistorios o aumento é dun 60 % respecto de 2012. Así, as subvencións para entidades sociais pecharán 2014 con 1,7 millóns de euros, e as axudas a concellos pasan a seis millóns para servizos sociais municipais.

En canto aos mecanismos de control, a Deputación establecerá unha comisión avaliadora da que formarán parte todos os grupos políticos e técnicos provinciais e, no caso de contratos menores, publicará os pregos no perfil do contratante da páxina de Internet e contactará con máis de cinco empresas, cando o mínimo é tres. Ademais, nas mesas de contratación, os representantes dos grupos da oposición contarán con voz e voto na toma de decisións, e sobre as obras que realiza a Deputación reforzarase o control de calidade con inspeccións dos técnicos provinciais.