EN DIRECTO

Siga todo o que ocorre en Barcelona tras o atropelo en La Rambla

de actualidade
foto Ignacio González
 
Votacion: 
No hay votos
Sucesos | A Coruña

Detidos catro mozos por apuñalar a outro na Coruña

A vítima intentou refuxiarse nun taxi sen éxito. Sangraba abundantemente polo costado e o seu estado é grave

Catro mozos foron detidos este domingo á primeira hora da mañá como coautores ou partícipes dun delito de lesións con arma branca. Ás 08.50 horas deste domingo, axentes do dispositivo de control de acceso na Avenida da Marina foron informados por un taxista de que acababa de cruzarse na Rúa Nova/San Andrés cun grupo de catro mozos que ían correndo e, un deles, portaba un coitelo na man.

Segundo informou a Policía Local a través dun comunicado, os axentes comunicáronlle ás unidades operativas o feito, polo que estas iniciaron unha batida pola zona, desprazándose así desde a Avenida da Mariña cara a onde lles indicou o taxista.

No cruzamento da Rúa Nova/San Andrés son requiridos por outro taxista, quen lles indicou que, facía uns minutos, fora requirido o seu servizo por un cliente e, no momento en que este se estaba introducindo no taxi, apareceron catros mozos correndo e comezaron a agredilo. Posteriormente, saíron á carreira.

Cando o taxista baixou para auxiliar ao cliente, este díxolle que o apuñalaron nun costado, polo que sangraba abundantemente. O taxista informou aos axentes, quen se fixeron cargo do lesionado e chamaron a unha ambulancia, de cara a onde se dirixiron os agresores.

Mentres chegaba a ambulancia, os axentes quedaron co mozo á espera dos sanitarios e pasáronlle a descrición dos agresores ás demais unidades policiais de apoio operativas. Posteriormente, unha ambulancia do 061 trasladou ao mozo, de 20 anos e veciño de Oleiros, ao servizo de urxencias do CHUAC.  En principio, nunha primeira avaliación médica, o estado que revestía o mozo era grave.

A través das cámaras de tráfico, desde a Sala do 092, localizaron a un grupo de mozos entrando cara á rúa Durán Loriga desde a rúa Santa Catalina, grupo cuxas características coincidían coas facilitadas. Ata alí trasladouse un vehículo policial que estaba á beira, que comprobou que as características coincidían, así como que un dos mozos sangraba pola man dereita e tiña ensanguentada a cazadora.

O grupo foi interceptado inmediatamente e neutralizado no lugar, recoñecendo que acababan de ter unha discusión con outro, aínda que negando a agresión con arma branca. Apoiados por outras dotacións policiais, a dotación inspeccionou a contorna, localizando a uns cinco metros de distancia, debaixo dun vehículo estacionado, unha navalla tipo bolboreta. Ademais, nun cacheo superficial, a un dos mozos atopóuselle nun peto interior do pantalón unha coitela de afeitar, e a outro unha navalla multiusos con restos de sangue no fío.

Os mozos detidos teñen dous deles 20 anos e o resto 18 e 17 anos. Todos eles pasaron a disposición xudicial e foron denunciados de oficio por un delito de lesións, á espera de que o lesionado, unha vez sexa atendido das lesións, presente a correspondente denuncia.