de actualidade
foto Usain Bolt
 
Votacion: 
No hay votos
Galicia 0

O BNG propón declarar aos familiares de Franco "persoas non gratas" en Sada

Unha petición en internet para que se ilegalice a Fundación Franco suma xa preto de 85.000 firmas

As Torres de Meirás.

As Torres de Meirás.

O BNG de Sada propuxo este venres que na reunión plenaria deste sábado sexan declaradas "persoas non gratas" nese municipio coruñés os integrantes da familia do ditador Francisco Franco, propietaria do Pazo de Meirás. O Concello convocou unha reunión extraordinaria para someter a votación unha proposta do alcalde, Benito Portela, para que o consistorio asuma a xestión das visitas ao pazo, en lugar da Fundación Nacional Francisco Franco, e para pedir á Xunta e ao Goberno a devolución do inmoble.

O grupo municipal do BNG indica nun comunicado que presentou unha emenda de adición con outros tres puntos, entre os que está a adhesión de Sada ao Xunta Prol Devolución do Pazo, oposta ao Xunta Prol-Pazo do Caudillo creada en 1937. Esta última organización franquista comprou o citado palacete tras instar os alcaldes da provincia a sumar o seu respaldo económico con doazóns dos veciños da zona co fin de ofrecelo como "agasallo" do pobo galego ao ditador, orixinario da veciña localidade de Ferrol.

"O Concello de Sada acorda declarar persoas non gratas á familia do ditador Francisco Franco que segue gozando a herdanza do Pazo de Meirás", indica o texto que será sometido polo BNG.

Doutra banda, unha iniciativa realizada a través do portal de internet Change.org que solicita a ilegalización da Fundación Francisco Franco se achega xa ás 85.000 firmas. Na petición arguméntase que esta entidade ten entre os seus obxectivos a "proxección do ideario" do ditador "sobre o futuro da vida española", "enaltecer a figura de Franco", e "preservar o seu legado". Ademais, recibiu case 150.000 euros en subvencións entre 2000 e 2003. 

No texto da iniciativa, recóllese que varios partidos consideran que debería ilegalizarse por "promover o odio" e "atentar contra a dignidade das vítimas", aludindo a que os represaliados polo franquismo tamén compartirían esa demanda ao entender que en Alemaña ou Italia sería inimaxinable unha "Fundación Hitler" ou unha "Fundación Mussolini".  Nesta liña, pídese unha reforma da Lei de Memoria Histórica para que as organizacións que fan apología da ditadura franquista e os seus crimes sexan declaradas ilegais en España.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.