de actualidade
foto Kim Jong-un
 
Votacion: 
5 (1 voto)
Sociedade | Ciencia 0

Apple prepárase para celebrar os 10 anos do iPhone con novos modelos e nova sede

A gran innovación da compañía será, segundo as previsións, o iPhone X, un teléfono intelixente cuxo prezo podería superar os mil dólares

Deseño do Apple Park. EP

Deseño do Apple Park. EP

Dez anos despois do lanzamento do seu icónico teléfono intelixente iPhone, Apple presenta este martes os seus novos modelos nun acto que servirá, ademais, para estrear oficialmente Apple Park, o seu novo e enorme campus que se espera que alume unha nova época do xigante tecnolóxico.

A partir das 10.00 hora local (17.00 GMT), o conselleiro delegado de Apple, Tim Cook, estreará o Auditorio Steve Jobs de Apple Park, con capacidade para 1.000 persoas, para anunciar a nova xeración de iPhone que, como adoita ser habitual neste tipo de eventos, chega precedida de numerosos rumores e predicións sobre cales poden ser as súas principais novidades.

Este pasado fin de semana, unha gran filtración desde Apple, recollida por toda a prensa especializada do mundo da tecnoloxía, deu pistas sobre os novos iPhone, que segundo estas informacións chamaríanse iPhone 8, iPhone 8 Plus e iPhone X. Mentres os dous primeiros serían versións avanzadas e melloradas do iPhone 7, que foi comercializado o ano pasado, a verdadeira innovación e o paso adiante de Apple estaría no iPhone X, un modelo cuxo prezo podería superar os 1.000 dólares.

Á espera de que este martes se desvelen todos os detalles, o iPhone X renunciaría aos marcos e ao botón de inicio para aproveitar ao máximo a superficie da pantalla, que ademais contaría con tecnoloxía Oled. A supresión do botón inicio, que nos anteriores iPhone albergaba un bo número de funcións, podería ser cuberta por unha barra táctil variable na parte inferior da pantalla e por novos usos nos botóns dos laterais do dispositivo.

Segundo os informes do analista de KGI Securities Ming-chi Kuo, o iPhone X disporá de modelos en tres cores: negro, dourado e prateado. Así mesmo, o iPhone X substituiría a tecnoloxía Touch IDE, de pegada táctil, por Face IDE, unha nova forma de recoñecemento que detecta a cara do usuario para acceder ao dispositivo. Algunhas fontes apuntan tamén que iPhone X, cuxa memoria RAM situaríase nos 3 gigas, podería soportar un cargador de batería sen cables.

Doutra banda, medios como The Wall Street Journal informaron nos últimos días que a fabricación do novo iPhone vai a un ritmo máis lento do esperado, o que podería dar lugar a atrasos na entrega dos dispositivos aos seus compradores.

Ademais dos novos iPhone, espérase que Apple desvele este martes outros produtos como unha televisión con resolución 4K ou a terceira serie do seu reloxo intelixente Apple Watch. 

En calquera caso, a presentación será moi relevante para a compañía tanto polo contido como polo lugar, xa que será o primeiro acto oficial aberto aos medios de Apple na súa nova sede Apple Park, situada na cidade californiana de Cupertino.

Concibido como un apaixonado proxecto do seu fundador Steve Jobs, quen traballou man a man co famoso arquitecto Norman Foster, Apple Park é un campus con forma de anel e cunha superficie de máis de 708.000 metros cadrados. Con aspecto de enorme nave espacial e cun orzamento de 5.000 millóns de dólares, Apple Park tamén conta cun novo sistema de eficiencia enerxética e con 9.000 árbores nos seus terreos.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.