de actualidade
foto Kim Jong-un
 
Votacion: 
1 (1 voto)
Galicia 2

O PPdeG rexeita declarar 'non grata' á familia Franco en Galicia

Os populares tombaron as propostas de BNG e En Marea para prohibir que a Fundación Franco xestione as visitas a Meirás e trasladar esa competencia ao Concello de Sada

Feijóo, durante a súa intervención no pleno do Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

Feijóo, durante a súa intervención no pleno do Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)

O PPdeG tombou este mércores sendas propostas do BNG e de En Marea nas que, entre outros puntos, reclamaban declarar persoas 'non gratas' en Galicia aos membros da familia Franco e á fundación que leva o nome do ditador, á vez que esixían a inmediata devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. No entanto, os populares anunciaron que presentarán iniciativas propias para estudar a recuperación da titularidade dese ben de interese cultural (BIC). E na sesión de control no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou a súa intención de convocar unha comisión de expertos que estude se houbo "vicios ocultos" no expediente polo que o inmoble pasou á familia Franco, co obxectivo de poder devolvelo gratuitamente ao patrimonio público.

As propostas defendidas polo BNG e En Marea solicitaban apoiar a proposta aprobada polo Pleno da corporación municipal de Sada para que sexa este concello o encargado das visitas guiadas ao Pazo de Meirás, como garantía de que as persoas visitantes do BIC reciben unha información veraz sobre a historia deste espazo histórico. O deputado do BNG Luís Bará incidiu en que esta proposta é unha "oportunidade" para que o PP situar claramente en contra do franquismo, que coa familia Franco e a súa fundación presenta en Galicia a súa cara máis "chulesca e macarra", polo que advertiu de que, para mostrarse contrario á ditadura e ás súas consecuencias, "non hai porque esperar a un próximo pleno".

Bará defendeu así a proposición do seu grupo que esixía "declarar á familia do ditador e á Fundación Franco non gratas en Galicia" porque "non os queremos aquí" e por iso solicitan a súa "ilegalización". "É a oportunidade para botar fóra de Galicia ao franquismo e a todos os seus cómplices, eles son os okupas de Meirás e unha ofensa á nosa dignidade colectiva", proclamou o deputado nacionalista.

O BNG pediu "facer a xustiza que non se fixo na chamada Transición" e En Marea criticou que non se tomasen medidas fronte á apoloxía do franquismo



De igual forma, desde o Bloque reclaman tamén unha "condena pública" das declaracións da Fundación Franco nas que expresaban a súa intención de usar as visitas guiadas ao pazo para facer apoloxía da Ditadura e do ditador. Para Bará é unha necesidade a recuperación de Meirás que, dada a xestión que ten na actualidade, é, ao seu xuízo, un "auténtico pozo negro da democracia", sendo ademais o xerado ao redor deste inmoble "un debate cargado de simbolismo sobre a democracia e o franquismo". Ademais, denunciou que desde o grupo maioritario pretendan "pór ao mesmo nivel" a quen defende un referendo en Cataluña que "a quen cometeu un xenocidio".

Pola súa banda, a parlamentaria de En Marea Ánxeles Cuña encartouse ás peticións do BNG e foi especialmente crítica coa Fundación Francisco Franco xa que considera un disparate que teña impunidade unha organización que "vulnera a Constitución" e "raia o delituoso". "Nós cremos que hai que condenar" as declaracións desta fundación xa "que intenta borrar feitos históricos que están documentados" mentres a "Xunta está de costas e en conivencia". Unha vez máis reclamou modificar a lei para forzar a devolución de Meirás posto que "para iso están os parlamentos" que non poden consentir a actual xestión que é unha "vergoña, unha ofensa, unha burla e unha mofa".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, reiterou o "máximo respecto ás vítimas do franquismo" por parte do seu grupo que é unha formación democrática polo que pediu ao resto de grupos que "abandonen o intento de relacionar o franquismo co PPdeG que representa a unha maioría de galegos".

O PPdeG mostrouse partidario de recuperar Meirás pero sen pagar de novo polo inmoble 



O PPdeG mostrouse partidario de recuperar Meirás pero sen pagar de novo polo inmoble e por iso este grupo defendeu unha emenda que, en todo caso, Puy anunciou que volverá ao pleno en forma de PNL e na que se pide que a Cámara inste á Xunta a realizar un estudo xurídico en colaboración coas universidades galegas, que analice a posibilidade e mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incoar ao patrimonio público a propiedade das torres de Meirás, sen que devandita incorporación ao patrimonio implique un novo custo para o pobo de Galicia.

O deputado do PPdeG fixo así unha acesa defensa da democracia que significa ter "respecto a todos con independencia de que nos sexan gratas as ideas ou as persoas", posto que democracia non é darlle a razón ao BNG e a En Marea que, "noutras partes de España", están ao lado dos que se saltan estatutos e a Constitución". Do mesmo xeito, reiterou que o Goberno galego non pode entrar en ilegalizar fundacións, "para iso están os tribunais".

A deputada do PSdeG Concepción Burgo tamén denunciou os "feitos realmente escandalosos" en torno ao pazo que é "un botín de guerra" e que empeora coas provocacións da Fundación Franco que manifesta declaracións que son un "desafío e un insulto ás vítimas e a toda a cidadanía galega e a todos os demócratas".

Fronte a iso, desde o PSdeG esperaban por parte da Xunta unha resposta "contundente" e non a "actitude absolutamente ambigua" coa que o presidente da Xunta pediu aos Franco que devolvesen o Pazo para "reconciliarse co pobo, o que me parece o colmo dos colmos". "A familia Franco está a desafialos, así que respondan porque o que fixeron ata agora é esconder a cabeza" porque igual pensan que desa forma manteñen "votos", concluíu.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.

imagen de usuario
Lores fora da RiA mércores 13 de setembro de 2017, 20:27
2

Coidado cos ocupas do BNG e os seus primos da MAREA, pechade ben as propiedades.AI NICOLASA.

imagen de usuario
Nikolak mércores 13 de setembro de 2017, 19:03
1

¿Que malo es haber sido nieto de Fco.Franco? ¿Son ellos responsables de lo que hiciera su abuelo?. Si es así habrá que hacer limpieza general en ESPAÑA, hijos y nietos de franquistas, falangistas,comunistas.........Hoy son politicamente contrarios a lo que fueron sus abuelos y padres y no por ellos tienen que ser juzgados, muchos de izquierdas disfrutan de beneficios que han obtenido durante el franquismo y no renuncian a ellos. Por lo que menos hipocresia.