de actualidade
Marcelo Marcelo
 
Votacion: 
No hay votos

Doce anos de prisión para un pontevedrés que abusou das fillas da súa parella

Unha vez cumpra a súa condena, estará sete anos en réxime de liberdade vixiada

A Audiencia de Pontevedra condenou a doce anos de prisión ao pontevedrés Juan José J.A., por abusar sexualmente de forma continuada das dúas fillas da súa parella sentimental, coas que convivía, desde que ambas tiñan oito anos.


A sentenza, facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considera probado que o acusado abusou sexualmente das dúas nenas ata en catro escenarios diferentes, a casa que a parella tiña en Poio, dúas vivendas da súa propiedade de Pontevedra e O Grove e un garaxe que tiña alugado no primeiro destes tres municipios.

O tribunal imponlle seis anos de cárcere e unha indemnización de 20.000 euros por cada un dos dous delitos e non poderá aproximarse ás menores, ao lugar no que residan ou calquera outro lugar frecuentado por elas nunha distancia de 300 metros nin tampouco comunicarse con elas durante doce anos.

Unha vez cumpra a súa condena, estará sete anos en réxime de liberdade vixiada.

Juan José J.A., segundo conclúe o maxistrado, mantivo unha relación coa nai das nenas durante oito anos e os abusos producíronse en diferentes épocas temporais, sempre a partir de que cada unha das nenas cumprise os oito anos.

A sentenza dá validez ao relato das vítimas e relata que o acusado comezaba bicando as nenas, apelando a un suposto xogo que non podían revelar a ninguén e posteriormente pasaba aos tocamentos e aos abusos sexuais.

Estas situacións producíanse, engade o fallo xudicial dous ou tres días á semana, aínda que non todas as semanas e incluso continuaron tras a ruptura sentimental do acusado e a nai das nenas.

Ambas as irmás gardaron silencio ata que a maior das nenas decidiuse a contalo á orientadora do centro escolar no que estudaba e, segundo os forenses, desde entón sofren ansiedade, medo, trastornos de soño e de alimentación, teñen medo ao acusado e séntense culpables.