de actualidade
foto Usain Bolt
 
Votacion: 
No hay votos
Sucesos

Detido por roubar en máis de 30 vehículos no Grove e A Toxa

O presunto autor, de 44 anos, saqueaba vehículos estacionados nos garaxes das comunidades de veciños ou nas rúas contiguas ao seu domicilio

Un veciño do Grove, de iniciais A.A.T. e 44 anos, foi detido como suposto autor de algo máis dunha trintena de roubos e furtos cometidos durante os anos 2016 e 2017 en vehículos estacionados na vía pública e en distintos garaxes da localidade. As investigacións levadas a cabo pola Garda Civil do Grove relacionan a esta persoa con 23 roubos e 8 furtos de efectos no interior de vehículos, ademais dun delito de danos materiais causados na tentativa de roubo noutro.

O principal sospeitoso dispuña do mando de apertura do garaxe dun céntrico edificio da vila que atopara no interior dun dos coches roubados. En todos os casos, o modus operandi era practicamente o mesmo e as súas zonas de actuación estaban no Grove e a illa da Toxa.

A súa prioridade eran os vehículos estacionados nos garaxes das comunidades de veciños aos que accedía sen ocasionar danos nas fechaduras, aproveitándose da entrada e saída dalgún vehículo ou ao dispor das chaves do garaxe. A Garda Civil tamén relaciona a esta persoa con outro importante número de roubos e furtos en vehículos estacionados nas rúas contiguas ao seu domicilio.

O suposto autor dos roubos foi finalmente localizado e detido por un delito continuado de roubo e furto no interior de vehículos, e aínda que carecía de antecedentes policiais en España, tiña un amplo historial delituoso nun país estranxeiro por feitos similares, desde 2003 ao 2013.