de actualidade
Marcelo Marcelo
 
Votacion: 
5 (1 voto)
0

Setembro foi o mes máis frío dos últimos 21 anos en Galicia

O valor medio das máximas para a comunidade foi de 21,3 graos, rexistrándose as temperaturas máis baixas nas zonas altas da Mariña lucense e na montaña de Lugo e Ourense

Turistas nun día gris en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

Turistas nun día gris en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

O pasado mes de setembro foi o máis frío dos últimos 21 anos en Galicia, segundo o último informe climatolóxico publicado por Meteogalicia. En setembro deste ano rexistráronse temperaturas medias ata un grao por baixo do normal debido a que a comunidade quedou nunha situación intermedia entre altas e baixas presións coa chegada de aire frío e húmido, o que impediu o ascenso das temperaturas diúrnas.

Esta baixada das temperaturas en setembro afectou tanto ás máximas como ás mínimas, que presentaron unha anomalía de 1,20 e 0,75 graos, respectivamente, menos do que cabería esperar nesta época do ano. Desta forma, o valor medio das máximas para Galicia foi de 21,3 graos, rexistrándose as temperaturas máis baixas nas zonas altas da Mariña lucense e na montaña de Lugo e Ourense, onde os termómetros roldaron os 14 graos; e as máis altas na comarca do Ribeiro e Verín con índices superiores aos 28 graos.

O mes de setembro caracterizouse por ser un mes seco no norte e moi seco no sur



No que respecta ás mínimas, a media quedou nos 10,4 graos e os valores máis baixos detectáronse na comarca da Limia, con termómetros que marcaron os 3,5 graos. Pola contra, o litoral cantábrico rexistrou dentro das mínimas, os índices elevados con 15,5 graos.

En canto ás precipitacións, o mes de setembro caracterizouse por ser un mes seco no norte e moi seco no sur, onde houbo zonas nas que non choveu en todo o período. Así, setembro deixa valores medios de precipitación un 62 por cento por baixo do que cabería esperar para esta época do ano. Excepto a Mariña máis costeira, lixeiramente húmida con índices un 26 por cento por encima do normal; gran parte da comunidade galega presentou valores á baixa, especialmente na provincia de Ourense, onde houbo lugares nos que se rexistraron cero precipitacións.

Así, a choiva media rexistrada en Galicia foi de 32 litros por metro cadrado, sendo a comarca de Ferrol onde se rexistrou o índice máis alto de precipitacións con 113 litros por metro cadrado. En definitiva, choivas en xeral escasas debido, en gran parte, a que o mes de setembro estivo condicionado polas altas presións preto das Illas Azores, que apenas conseguiron frear as frontes atlánticas e tocaron Galicia moi debilitadas e só na zona norte.

Comentarios

fotoOs comentarios enviados fóra do horario de moderación, serán aprobados ao día seguinte

Serán borrados os comentarios que conteñan insultos e/ou contados inadecuados Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.