de actualidade
Marcelo Marcelo
 
Votacion: 
5 (1 voto)
Sucesos

Afronta cinco anos e dez meses de prisión por masturbarse ante un menor

O home está acusado de realizar tamén tocamentos á vítima

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro martes o xuízo contra un lucense que se enfronta a unha solicitude de condena de cinco anos e dez meses de prisión porque presuntamente se masturbó ante un menor de idade, ao que tamén lle realizou tocamentos.

Os feitos tiveron lugar na Semana Santa de 2013 no domicilio que compartía o acusado coa nai da vítima, aproveitando un momento en que esta non se atopaba en casa.

Segundo indica o fiscal, o procesado "padece debilidade mental e marxinalidade", pero precisa que ese "déficit intelectual non lle impide coñecer que os feitos son lesivos para o menor".

A vítima está actualmente acollida por un familiar baixo a tutela da Xunta. O ministerio público sinala no seu escrito de acusación que "padece un atraso mental lixeiro alto e hiperactividade, con déficit de atención e atraso de linguaxe e fala".

O procesado enfróntase a unha solicitude de cinco anos de prisión por un delito de abuso sexual e a dez meses máis por outro de exhibicionismo. Ademais, deberá indemnizar á vítima, a través da Xunta, con 3.000 euros polo dano psicolóxico causado.

A pena podería verse reducida porque cabe a posibilidade dun principio de acordo entre a Fiscalía e o avogado da defensa, coa conformidade do acusado.