de actualidad
foto Mª T. Campos
 
Votacion: 
5 (2 votos)
Galicia 1

Paco Rodríguez: "Galiza está acomplexada e a conciencia de país baséase na familia e a comida; é triste"

A Federación Galiza Cultura premia este sábado no seu Serantes natal ao exlíder da UPG entre 2000 e 2012 polos 50 anos de achega ao eido cultural, quizais a faceta menos coñecida dunha das figuras máis relevantes do nacionalismo galego. O ‘coronel' da UPG, retirado da primeira liña, repasa as que foron, e son, dúas das paixóns da súa vida: a literatura e a política

Paco Rodríguez. MONCHO FUENTES

Paco Rodríguez. MONCHO FUENTES

Que supón este premio para Francisco Rodríguez?

Non o considero un premio á miña persoa senón a unha forma de facer cousas a favor do país con moita vontade e perseverancia; un recoñecemento dun grupo cultural e social nacionalista que está convencido de que hai esforzos moi meritorios que deben ser valorados e que o fai tendo en conta ademais que o mundo das institucións oficiais e oficialistas está gravemente condicionado por un sectarismo alarmante.

Vaia! Vexo que non agarda ningún premio ou medalla da Xunta.

[Ri] Ningún. E non só da Xunta, senón de todo aquilo pagado, subvencionado ou interferido por...

Leva 50 anos de labor cultural pero parte da sociedade a vostede só o coñece polo seu traballo político. Resulta un tanto frustrante?

Pode ser que o coñecemento e a visión que ten a xente de min, marxinal en todo caso, estea máis escorado cara a miña imaxe política que cara ao meu traballo cultural ou intelectual. Pero a miña etapa en política institucional está acotada a 13 anos, mentres que o meu labor social, cultural e ideolóxico é o que perdura no tempo.

Foi duro compaxinar ambos?

Foi. De forma maioritaria sacrifiquei cousas en favor do servizo político, de forma que houbo proxectos que fixen con moita lentitude ou que atrasei máis do debido. Pero penso que é inevitable nun país como Galiza, no que un non pode estar cómodo ou tranquilo investigando cousas e vendo que a realidade está tan deteriorada.

E cal dos dous eidos lle proporcionou máis satisfaccións?

Os dous, que ademais non me gusta moito distinguir entre eles. O importante é que alguén lle teña aprezo e consideración ao meu traballo e que lle sirva para algo; e aínda que sexa de forma minoritaria sempre acaba incidindo indirectamente, aínda que sexa a longo prazo, no resto da sociedade. Con iso doume por satisfeito.

Segue acudindo aos actos culturais alí onde o chaman?

Evidentemente. Eu formo parte da sociedade cultural Medulio de Ferrol, que ten máis de 30 anos; e a maiores a onde me chaman vou para falar de Rosalía, de Curros, de Blanco Amor, de historia de Galiza ou de cuestións que coñezo.

E segue relendo clásicos galegos?

Si. Teño certa tendencia á literatura clásica galega e son moi refén dese mundo; non me atrae a literatura galega actual salvo casos concretos de ensaio e moito menos a española, para a que non teño tempo, consideración nin interese.

Imaxine alguén que chega novo a Galicia. Que lectura lle recomenda?

Hai tres cousas básicas para tomar contacto con Galiza: unha é o Sempre en Galiza de Castelao; outra Rosalía, pero ben lida, con indicacións de por onde hai que empezar e con advertencias críticas; e unha terceira sería A esmorga de Blanco Amor. E á parte de todo isto, deberían ler un libro de historia, os manuais de Anselmo López Carreira ou a Galicia feudal de Victoria Armesto.

Por certo, descoñecemos os galegos toda esa cultura propia?

Claro. Aí está o problema, que somos estranxeiros no propio país por agochamento, desfiguramento, descoñecemento... Mantemos a conciencia de país baseada só nos afectos familiares ou nunha versión enxebrista da nosa gastronomía e iso non vale.

A subvención mata a cultura?

Non, que va! O que acaba coa cultura e a lingua galega é un proceso político e económico moi duro de españolización. E ante esa maquinaria esmagadora para españolizar e globalizar, as institucións poden ter un papel positivo de defensa do país ou negativo, que é o que pasa aquí. Asúmese con normalidade que a nosa cultura sexa residual, de leiriñas e atomizada, un papel que reforzan a RAG, o Consello da Cultura Galega, boa parte da universidade... Esa atmosfera non é favorable para ter unha cultura galega expansiva.

Combatir iso non é doado, non?

O peor é a conciencia que hai de que Galiza debe estar acoplada de forma subordinada á condición cultural española. Iso é terrible! Estamos ante un poblema de restauración social das cousas, de reivindicar que somos normais en todos os aspectos, tamén na literatura, o teatro, a música...

Xa que cita a música, segue escoitando zarzuela?

Pois si. Río moito escoitándoa porque é esperpéntica en moitas cousas e presenta o estereotipo da españolidade: o patrioterismo, o machismo, o amor entre mulleres chulas e homes galantes... É todo unha estupidez pero ten anacos de música que están moi ben. Escoitando hoxe La Gran Vía un ten que rir, porque hai grandes doses de ironía; noutras obras tamén río, pero internamente como burla por ser auténticas horteradas.

Poñámonos logo serios. É a sociedade galega máis nacionalista do que cre ou amosa nas urnas?

Non, eu aí non son romántico nin metafísico. A sociedade galega, se estivese ben informada e orientada, podería ser máis nacionalista, pero tal e como está de controlada, desnortada e desinformada é unha sociedade acomplexada; é o que hai. Aínda que potencialmente podería ser diferente porque hai materia para iso, xa que é admirable que a pesar da ignorancia, o descoñecemento, o descrédito e a mensaxe de que non valemos para nada, hai cantidade de individuos que acreditan no país e fan cousas, e iso é porque hai pulsión nacionalista. Pero se lle pregunta á xente como ten a conciencia, as respostas son un pouco tristes porque aquí fálase de Galiza como comida e familia. Iso é froito de que nos habituamos á dependencia e á subordinación, a non crer no país. E é máis grave agora que nos anos 90, cando moitísimos galegos querían ser como os vascos e os cataláns, que aínda que fose por efecto mimético, era positivo.

E como ve hoxe o BNG?

Véxoo mellor, pero dentro dunha situación política moi difícil e moi fráxil. Como instrumento está mellor e ten mellores perspectivas electorais, aínda que limitadas. O problema, o grave, é que o contexto é moi malo.

Por que é tan malo?

Porque hai moita confusión. A xente afíxose a unha forma de facer política televisiva, visual e demagóxica que ademais fai que se mire máis cara ao escenario estatal, e iso dificulta as cousas.

Vexo que non lle ten moito cariño ás mareas.

Ningún. Pero non por prexuízos senón porque á vista están os resultados. Galiza pinta hoxe menos que nunca no Estado español, a representación no Congreso é cero patatero e os gobernos municipais que teñen, con perdón, non o poden facer peor. Entón así...

Pídenlle algún consello no Bloque ou está totalmente retirado?

Non formo parte dos órganos nin pinto nada. Outra cousa son persoas a título particular que me preguntan a opinión sobre cuestións.

E bota de menos a política?

Nada, nada. Pero tampouco ser profesor. Non sei se é un defecto ou unha virtude, pero tendo a que o pasado, pasado está.

E a que se dedica entón?

Primeiro, a dar un paseo diario porque senón é imposible manterse. Despois, a investigar, neste caso para un libro sobre a situación de Galiza no século XIV, que resulta clave para explicar o que somos e como estamos hoxe. E por último, a traballar na sociedade cultural Medulio, a axudar no que podo ao grupo municipal do BNG, a participar nas campañas...

Asinará algún día a paz con Xosé Manuel Beiras?

Eu non teño nada que facer con Beiras, que é un personaxe que non me atrae nada nin me importa nada. De feito, para min é como inexistente.

Hai quen atribúe a ruptura do BNG en Amio en 2012 ás leas personais entre ambos os dous?

Si, o que faltaba! Aquilo foi un problema ideolóxico e político que nada tivo que ver con cuestións persoais. Hai xente que non cre no país nin no nacionalismo. Pois moi ben! O resultado está aí, mira onde está esa xente.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.

imagen de usuario
nostrus miércoles 19 de abril de 2017, 21:31
1

Bueno, lo de recibir un premio vamos dejarlo, solo es un modo de darse jabón mutuamente entre camaradas porque Paco lo necesita al carecer de amigos, porque a lo sumo tendrá compinches.