de actualidad
Liliane Bettencourt Liliane Bettencourt
 
Votacion: 
3.3 (3 votos)
Sociedad 0

O home que soñou co 'Burón Roxo'

Enrique Fernández tiña un soño: que A Pobra de Burón recuperase a capitalidade da Fonsagrada. Para conseguilo non dubidou en costear estradas de acceso á vila, festas patronais ou placas para as rúas con nomes de dirixentes comunistas ► A súa xenerosidade será lembrada agora nunha homenaxe que lle están preparando veciños

ENRIQUE FERNÁNDEZ era un meniño nos anos 40. Pero xa sabía que o del era estudar e abrir camiños. Por iso, para ir á escola, percorría a diario os catro quilómetros que separaban A Pobra de Burón da Fonsagrada. Cando volveu de Barcelona, nos anos 80, gastou os cartos que aforrara como emigrante en converter ese camiño nunha estrada. E hoxe, esa estrada leva o seu nome, por iniciativa dos veciños que, un mes despois da súa morte, están preparando unha homenaxe por todo o que á vila chegou grazas a el.

É xusto que o seu nome luza na entrada do pobo, pois Enrique Fernández fixo que a el chegara o teléfono, as últimas orquestras que actuaron nas festas ou a furgoneta coa que vendía produtos de alimentación de maneira ambulante, para que os veciños non se tiveran que desprazar á Fonsagrada. É xusto tamén que a homenaxe que por todo este legado lle queren render os veciños sexa a de darlle o seu nome a unha rúa. Pois a Enrique Fernández, ou Burón Roxo, como el se chamaba a si mesmo, se lle debe tamén que na Pobra de Burón haxa unha praza adicada a Fidel Castro, unha "avenida" Lenin, ou unha rúa Mao Tse Tung, con placas que encargou e costeou co mesmo deseño que as oficiais, con letras brancas sobre un fondo de porcelana azul.

"Daría para escribir un libro", di Felipe Martínez, un dos veciños que lle están preparando a homenaxe. Non pode ter poucas anécdotas quen tiña por obxectivo "redimir" A Pobra do Burón do declive no que entrara dende que A Fonsagrada lle quitara a capitalidade do municipio en 1839. El mesmo viaxou ao Archivo General de Simancas, en Valladolid, para reunir documentación coa fin de que A Pobra recuperara esa distinción.

"A súa rivalidade coa Fonsagrada era tal que incluso cando acudía á vila faláballes aos veciños en inglés ou en ruso"

"A súa rivalidade coa Fonsagrada era tal que incluso cando acudía á vila, faláballes aos veciños en inglés ou en ruso", comenta outro veciño, Manuel López. Porque, se alguén sospeitaba de que as múltiples linguas que Enrique dicía falar foran inventadas, cando volvía algún veciño emigrado de Suiza comprobaban que sí, que Enrique falaba con eles en francés. A proba do ruso non tiveron oportunidade de facela, pero as rúas adicadas ao Stravinski, Kórsakov ou a primeira astronauta Valentina Tereshkova deixan constancia do seu amor por esta cultura.

Enrique Fernández era un entusiasta. "Un espíritu ceibe", di o seu amigo Javier Rodríguez. Aos veciños non só lles deu a chegada do teléfono por cable, coa mesma numeración que na Fonsagrada, senón que tamén lles roubou algún que outro sorriso cando organizaba e costeaba as festas do pobo, cousa que fixo en catro ocasións, tal como conta Felipe Martínez.

Os carteis que el mesmo deseñaba, son tal vez o mellor e máis entrañable documento de como, na vida de Enrique Fernández, os soños se entretecían coa realidade. Pois as festas que anunciaba eran as que respondían ao seu ideal, nas que no programa figuraba a Orquesta Sinfónica de Londres, ou a misa de Korsákov, logo da actuación dos grupos folclóricos da comarca. "Ademais, cada vez que había festas el limpaba tódolos camiños coa cisterna do pobo, pois non lle gustaba que houbera bostas de vaca", comenta Manuel López.

O seu empeño non coñecía límites. Foi así como se fixo cunha furgoneta que rotulou co título de "Comestibles El Buronés, el más barato del norte de España", coa que repartía pola zona alimentos para que os veciños non tiveran que se desprazar á Fonsagrada.

"Por iso contan que, cando a súa muller lle mandou comprar catro bistecs, el comprou catro quilos de carne, cun razonamento segundo o cal non eran merecedores de seren transportados nun Chrysler. Ao final, repartiron os quilos entre os veciños"

El mesmo recoñeceu para este xornal, anos atrás, que aquela iniciativa lle causara a ruína. E non só. Os soños de Enrique levárono, na súa xenerosidade, a comprar a fortaleza de Burón, que resistíu ás revoltas irmandiñas pero da que hoxe só se mantén en pé unha das súas torres, para, nalgún futuro, recuperala como elemento atractivo de interese patrimonial, un proxecto demasiado grande para quen non conta con apoio institucional.

Tampouco se imaxina a Enrique Fernández lidando coas institucións. "El saía sempre pola tanxente", din. Incluso contan que foi iso o que lle custou o seu traballo de guía en Barcelona –que conseguíu grazas ao seu interese polos idiomas e a cultura–, xa que mandaba aos turistas a onde lle petaba.

Non era Enrique Fernández de cartografías oficiais, quería trazar as súas. E tampouco coñecía as medidas. "Por iso contan que, cando a súa muller lle mandou comprar catro bistecs, el comprou catro quilos de carne, cun razonamento segundo o cal ese catro cachiños de carne non eran merecedores de seren transportados nun Chrysler recén estreado. Ao final, repartiron os quilos entre os veciños", conta Javier Rodríguez.

Só caben nun libro as anécdotas daquel que comprou un órgano para a igrexa de Santa María Magdalena, ou rexentou a cantina da Pobra. Nun libro, ou nunha longa estrada de Burón á Praza Roxa de Moscú.

O mellor cartel: O Coro do Exército Ruso, na Pobra

Os carteis que elaboraba Enrique Fernández para anunciar as festas patronais que el mesmo costeaba son o seu mellor retrato. Ao lado da orquestra real que efectivamente tocaba esa noite, Unissón de Vigo, Enrique anunciaba á Orquestra Sinfónica de Londres. Ao lado da agrupación musical rexional, a actuación de Tina Turner e Diana Ross. Ata o Coro do Exército Ruso chegou a tocar na Pobra na imaxinación de Enrique.

Maxín
Enrique Fernández ensinou aos seus veciños que é posible imaxinar, e que facelo pode traer consigo as ledicias deste mundo. E se non, díganllo a quen ve nos fogos de artificio como "círculos de estrellas maravillosas descendiendo en forma de palmeras del paraíso", como di no cartel.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.