de actualidad
foto Kim Jong-un
 
Votacion: 
No hay votos
Sociedad 0

A USC e Aresa poñen en marcha o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural en 2017

Prémianse proxectos que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural

O reitor Juan Viaño e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron este mércores o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2017 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome tamén estivo presente o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema.

A sinatura protocolaria do acordo inicia os preparativos dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e a USC premian cada ano aquelas iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Os asinantes coincidiron en sinalar a relevancia acadada por este galardón, que "superou as expectativas dos seus promotores en canto ao seu asentamento e recoñecemento pola sociedade galega, alcanzando grande importancia tanto polos currículos dos premiados como pola súa dotación económica", como explicou Juan Viaño. O premio constitúe igualmente "un bo exemplo de colaboración entre empresa e universidade", engadiu o reitor.

Pola súa banda, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguéz Eiras, apuntou a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para optimizar o rendemento do campo e o desenvolvemento da economía do rural galego. Como explicaron despois da sinatura protocolaria deste convenio, na avaliación das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego.

Prestarase especial atención á viabilidade económica, a creación de postos de traballo, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e a innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento. A presentación de candidaturas poderá realizarse ata o 26 de outubro nos rexistros da USC.

ANTERIORES EDICIÓNS. Todos os premiados e premiadas dende 2000, data da primeira edición do premio, teñen en común a súa contribución á xeración de riqueza e emprego no entorno rural, a posta en valor dos produtos da terra, a innovación ou a recuperación de certos sectores agrícolas ou gandeiros.

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG O Agro-labranza (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010), a Sociedade Agraria de Transformación Montes de Trabada (2011) ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) (2016).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015.

Firma convenio Premio Aresa 2017, de Transmedia, en Vimeo.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.