Karzai

Datos de interés

  • Miércoles 23.07.2008

Karzai


Etiquetas: Afganistán

Xulio Ríos.

En parello ao auxe do movemento talibán, que tanto preocupa e con razón ás forzas da OTAN, sexa pola permanente extensión do seu radio de acción como tamén polo destacado incremento das súas capacidades operativas, o poder do presidente Hamid Karzai, en Afganistán, semella esfumarse de forma paulatina e irremediable.

Alcumado xa coma “alcalde” de Kabul por esa incapacidade manifesta para controlar de modo efectivo boa parte do territorio afgán, hoxe a expensas dos caprichos dos señores da guerra, o seu illamento político e o descrédito social vai en aumento. Sen milicia propia, confiada á súa protección persoal á garda pretoriana da firma estadounidense Blackwater, secuestrado no seu palacio nunha zona de máxima seguridade da capital, Karzai, a un ano de rematar o seu mandato, presenta un balance con expectativas que ofrecen contadas esperanzas.

Sen dúbida, a maior hipoteca que pesa sobre a acción de goberno do presidente Karzai é a perda de credibilidade, froito desa inoperancia para normalizar a vida política e económica do país. Presentado ante os seus concidadáns como un home de Washington, promovido directamente polo vicepresidente Dick Cheney e os medios petroleiros estadounidenses pero avalado polo conxunto da coalición mundial contra o terrorismo, todo ese amplo respaldo non impediu que a súa lexitimidade fose deteriorándose ata niveis próximos á bancarrota.

Karzai xa non, nin agora nin dende hai tempo, a voz capaz de restablecer un mínimo consenso, sequera anti-talibán, de superar os enfrontamentos que dividen o país, de pacificar os diferentes clans e integrar as súas ambicións, alentando unha reconstrución baseada no establecemento dunha economía produtiva, afastada dos cultivos de opio que hoxe constitúen outro exemplo do fracaso, propio e da estratexia internacional, no país.

Os señores da guerra, que erosionan sen acougo as promesas de Karzai, son os “patriotas” e as tropas da OTAN son forzas de ocupación. Esa é a radiografía do Afganistán de Karzai, tal como a perciben amplos sectores sociais. Con eses vimbios, sen autoridade nin poder efectivo, sen o respecto da sociedade e dos líderes tribais, con máis atentados ás súas costas (o terceiro e último o pasado 27 de abril cando presidía unha parada militar), de pouco lle ha valer a comprensión e complicidade de Occidente, novamente inmerso nunha canella de difícil saída.

 

12/05/2008

0'0 (0 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Redes

Buscar + información sobre



Publi


Galiciae
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso