O pasado non é o que era. Cando menos no eido da fición galega. A literatura pasou de facer militancia sobre os aconteceres de mudanza da ditadura á democracia para pasar a facer militancia do paso da República á ditadura. A diferenza é que os autores dos anos 70 coñecían o terreo porque o correran coa Policía detrás e os autores desta primeira década do milenio apuntan de oídas, lecturas e procuras no Google.
Soledad Puértolas sinalaba hai uns días que «os novelistas estadounidenses teñen unha Historia moito máis recente e pódense permitir unha frescura e unha inocencia que para os escritores europeos é difícil de conseguir». A análise é impecable, malia que a escritora aragonesa lle serva para entender como «lóxico que os escritores europeos se vexan na obriga de analizar ese pasado e asumir que son Historia». Aínda que pensa iso, Puértolas non deixou de asumir que iso «pode ser un peso» no traballo do escritor.
A lucidez da autora foi redondeada a semana pasada polo historiador José Catalán, quen disparaba con bala de canón contra esa intromisión dos autores de fición nos ámbitos de Historia. E non penso arestora en César Vidal nin en Pío Moa, senón en escritores con vontade de facer fición partido da realidade pasada. «A novela histórica é un remexallo oportunista que está causando moitísima confusión na xente e que está facendo aparecer coma Historia cousas que non o son», asevera este mergullador do pasado.
Galicia leva tres décadas de mudanza intensa e son escasos os autores que pintaron as luces e as sombras desa transmigración dun país vello e canso de si a un país desenvolvido. Seguimos encerellados coas guerras dos avós. Entendo que tras corenta anos de agit-prop oficial, os netos dos afectados quixeron ofrecer a versión dos seus avós, pero hai unha Galicia nova por contar que se nos vai pasando desapercibida aos que estamos vivíndoa.
Houbo unha loaira cando o ‘Prestige’. Un exército de creadores se precipitou sobre o problema para que protagonizase a súas creacións. Unha maioría rebentou indignada, unha minoría reaccionou diante da oportunidade de negocio.
O paso de Fraga pola Xunta, por exemplo, foi un tempo cheo de actividade e ninguén o contou de quitado Aníbal Malvar. Aí quedaron as súas novelas A man dereita e Unha noite con Carla para contar o fraguismo e facelo coa valentía da crítica co criticado presidindo o goberno galego.
Agora é Bieito Ledo un dos poucos que reflexiona novelísticamente sobre a época pola que transcorremos. ‘Pan e coitelo’retrata un conselleiro de Cultura obsesionado con xuntar unha chea de cartos para marchar ao Brasil. Di que «nunca houbo un conselleiro coma ese», pero, cando menos, fala de hoxendía.
07/07/2008