De Simone Ortega aprendín a guisar, entre outras moitas cousas que podo enumerar, seguramente esquecendo algunha, vexamos: entre elas, o amor pola cociña lenta, aínda que o resultado se coma rápido; a facer algunha achega propia cando as receitas escritas xa as dominaba; e tamén a recoñecer o labor da miña nai, quen durante tantos anos me criou e aínda nos alimenta, de cando en vez, a min e aos meus. En definitiva, as 1.080 receitas de cociña, repartidas en dous volumes na súa edición do 93, acompañan desde aquela a familia que formei, ocupando un lugar preferente no noso fogar.
Viñeron a miña filla e o meu fillo a enriquecer a nosa existencia e nos consellos gastronómicos da escritora sígoos criando, procurando facer dos pratos máis comúns e dos máis elaborados un momento de goce para o padal e o encontro ao redor da mesa. Nos dous volumes xa citados atópase a sabedoría de alguén que reuniu un conxunto de receitas para comer cos dentes, que é como en verdade se come, nada que ver con esa cociña de moda que, como diría Manuel Vicent, é máis axeitada para comensais desdentados.
Así é: quen se inicie na cociña da man de Simone Ortega non atopará espumas de lumbrigante nin “desestruturacións” que, á primeira vista, máis parecen pratos inacabados ou pasados do seu punto. Iso si, achará as coordenadas para guiarse na cociña e aprenderá a guisar case que con éxito garantido. Dou fe.
Con agradecemento verdadeiro, gustaríame renderlle unha pequena homenaxe a esta muller, finada recentemente, cuxo nome e arte culinaria me acompañan, como a tantas e tantos outros, desde hai tempo. Cando souben da súa morte, sentina como se algún día tivese trato persoal con ela _algo que, desafortunadamente, nunca pasou_ e sentinme reconfortada ao ler en distintas páxinas web os comentarios agradecidos de moitas outras persoas que, coma min, prenderon a luz da cociña coa candea de Ortega. O día no que coñecemos o seu falecemento souben cantas experiencias e gozos compartía con outros cociñeiros de diario sen ser consciente ata aquel momento.
En xustiza, un clásico da cociña debe perdurar, polo que as 1.080 receitas de Simone Ortega teñen aseguradas o paso á posteridade. Sigamos cociñando, ensaiando novas receitas e gozando de diferentes sabores; dese xeito atoparemos, entre as potas e servido no prato, o mellor de nós mesmos. Continuemos guisando para ser dignos aprendices de Simone Ortega.
09/07/2008