Créanme, as máis das veces, ao columnista váiselle máis tempo en pensar sobre que vai escribir, que na escrita propiamente dita do tema en cuestión.
Pero desta vez, por desgraza, téñoo doado, porque non consigo que se me vaia deste amago de cerebro que teño a lembranza das quince novas vítimas que se cobrou o mar nese enésimo desesperado intento por fuxir da miseria e loitar por iso tan sinxelo para uns e tan inalcanzábel para outros: unha existencia digna.
Esta traxedia, por se fose pouco, está moi próxima no tempo a esa vomitiva intención da Unión Europea de reter como se fosen gando aos inmigrantes que non poidan legalizar a súa situación en tempo e forma.
Esa mesma Unión Europea tan habitualmente empregada como argumento de unidade cando se trata de desprestixiar aos nacionalismos democráticos (“agora que en Europa desaparecen as fronteiras aparecedes vós”, “agora que todo o mundo tende a unirse, vós queredes ir por libre” e outros tópicos grotescos que todos ben coñecemos), e que pola contra está a erguer as máis cruentas e inhumanas fronteiras da actual sociedade: a de pechar os ollos diante da fame, da miseria, da traxedia de homes e mulleres que prefiren xogarse a vida para acadaren iso que para nós é un dereito e para eles un luxo inaccesíbel. Non, garavatudos mandamases europeos que se ventilan en dietas dun día dez veces máis do que precisarían estas familias para viviren dignamente en quince días.
Non precisan os inmigrantes dos seus maltratos. Xa se automaltratan eles abondo con tal de poderen dar algo de esperanza aos seus. Xa están sobradamente postos en condicións denigrantes como para que agora veñan vostedes a lle botar máis grella ao lume.
E non se trata, abofé, de facer demagoxia barata. O que máis e o que menos ten claro que a inmigración é un dos problemas actuais aos que cómpre buscarlle solución.
Pero as solucións están na análise das causas do problema, e non na eliminación da parte máis feble (o inmigrante) e visíbel (ver paréntese anterior) do mesmo. Porque limitarse a eliminar o visíbel é de hipócritas. E tomala cos febles é de covardes.
12/07/2008