Un vello comercial de Xerais, Manuel Batán, chamoume a un aparte nunha feira do libro da Coruña. "¿Como se che ocorre chamarlle Fridom spik a un libro? ¿Pensas que alguén vai entrar a unha libraría para pedir un libro que ten un título que non pode pronunciar?", reprendeume. Non ben acabou de avergoñarme pola miña escasa pericia comercial, púxome dous exemplos improvisados de títulos: Un millón de vacas, de Manuel Rivas, e Calzados Lola, de Suso de Toro. "Ninguén pasa apuros para pedir eses libros", aclarou Batán.
Levo uns días pensando se Festina lente, a última novela de Marcos Calveiro, ten un nome caralludo ou foi un erro. Festina lente, bule a modo, é un dito latino e ten a virtude de que soa a Bach e asemade chama a atención e é doado de lembrar.
Acertou o editor de O nome da rosa cando censurou a Umberto Eco por pretender chamar Adso de Melke a ese libro. Adso de Melke é o novicio que narra a historia, pero sería terrible atopar unha novela con ese nome nun andel comercial: pasaría desapercibida para a maioría e confundiría aos poucos que coñecía ao Eco experto en semioloxía, o Eco A. de F. (Antes da Fama). O nome da rosa é un nombre grandioso, eufónico e suxestivo. De feito, o narrador italiano case que tivo que escribir un libro igual de gordecho ca novela para xustificar o seu título.
En Apostilas a O nombre da rosa, Umberto Eco confesaba que pensaba nomear o libro A abadía do crime, o que é unha proba de que cuestións tan determinantes para o futuro mercantil como titular unha obra non poden quedar nas mans dun autor. "O nome da rosa ocorréuseme case que por causalidade", apostila Eco, que debería bendicir o azar. Hai blogs nos que aínda ferven debates sobre a interpretación dese título.
Un dos meus títulos favoritos é A laranxa mecánica, que non unha Historia da selección holandesa de fútbol, senón a novela de Anthony Burgess. Aínda non dei entendido a que carallo se refire, pero estou certo de que atopan a xustificación a nada que fuchiquen no Google. Stanley Kubrick respectoulle o título, algo que non fixo Ridley Scott co ¿Soñan os androides con ovellas eléctricas? de Philip K. Dick. Púxolle Blade runner (¿O corredor do fío?) e mudouno en inintelixible. O orixinal recolle a idea central da novela, que é do que se trata, pero estou certo de que Manuel Batán tamén lle afearía a Dick a lonxitude dos androides e as ovellas eléctricas. Agradaríanlle máis O castelo ou O proceso. Unha proba de que o editor de Eco debería asesorar a Kafka.
Dostoievski ou García Márquez arriscaron contando os finais con Crime e castigo ou Crónica dunha morte anunciada. Desaniman á lectura, pero niso o campión é Milán Kundera, con A insoportable levedade do ser.
14/07/2008