París, terra adentro, ¿capital do Mediterráneo? Pois así parece. Sarkozy reuniu a convidados ilustres para certificar o nacemento dun novo bloque xeopolítico. Logrou salvar as reticencias da xefe do goberno alemán que xustamente lle recriminaba o seu intento de marxinar da operación aos estados que non lindaban co Mediterráneo, aínda que non logrou convencer a Gadaffi, quen preferiu sestear na súa “jaima”. A Erdogan pouco lle faltou para quedar en Ankara, molesto pola oposición de Francia ao ingreso de Turquía na UE. Todo o demais foi lucerío na cidade da luz.
O novo show de Sarkozy incluíu a exaltación do seu papel para acadar a paz en Oriente Medio, obxectivo estratéxico co que a UE estaría disposta a rivalizar con EEUU e o enviado do Cuarteto, Tony Blair, en misión case secreta a xulgar polos seus resultados, desenvolvendo unha política máis autónoma, simbolizada na presenza en París do presidente sirio Bashar al-Assad. Os anuncios de diálogo directo entre Siria e Israel ou a normalización de relacións diplomáticas entre Siria e Líbano, espertaban algunhas esperanzas.
A busca de maior influencia política na rexión e o fomento da cooperación económica cos países veciños son obxectivos lexítimos, pero equiparar en capacidades a Bruxelas e Washington son palabras maiores e requiren dunha vontade política tradicionalmente ausente na diplomacia europea. Sería desexable complementar o tradicional papel financiador da UE cunha acción política que empuxe cara adiante o proceso de paz na rexión, pero Bruxelas carece de credibilidade.
Esta Unión de Sarkozy finiquita o Proceso de Barcelona, enredado nas controversias entre Israel e os países árabes e nas diverxencias entre os países do Magreb, en especial entre Alxeria e Marrocos. Pero a heteroxeneidade segue sendo o denominador común dun conxunto xeopolítico tan vasto. Propósitos tan nobres, se non van sustentados de xenerosas políticas que multipliquen os investimentos, poden acabar naufragando igualmente, en especial tendo en conta que moitos dirixentes están máis preocupados da súa supervivencia ca polo desenvolvemento dos seus países.
Houbo algúns compromisos no cumio: en infraestruturas, en descontaminación do Mediterráneo, na loita contra os desastres, novas enerxías, educación universitaria ou impulso dos negocios, pero non se logrou decidir sobre a sede do secretariado (Marrocos, Tunicia, Malta ou España), o sistema de financiamento dos proxectos rexionais ou a nacionalidade do secretario xeral, facilitando máis argumentos para o escepticismo. E sorprende que non se tratara de inmigración, cando as diferenzas de renda oscilan entre a media dos 26.000 dólares dun lado e os 7.000 do outro, e coa perspectiva de 100 millóns de persoas máis na beira sur de aquí a 2030. Demasiada pompa para certificar que nada pode mudar da noite para a mañá.
21/07/2008