Estamos malgastando os abrazos. Os personaxes públicos danse tantos que acabaron por perder o seu valor. Os que máis apertas derrochan son os actores. De todos é sabido que «o ambiente da rodaxe é inmellorable» e que «que intérpretes e técnicos formamos unha gran familia», pero logo veñen os libros de cinema para publicar todos os enfrontamentos que sufren as persoas que conviven unha chea de horas diarias durante varios meses e que padecen de divismo. Os actores son culpables, logo.
Os futbolistas non son menos inocentes na desaceleración do valor do abrazo porque se abrazan a nada que un deles marque un gol. Todos sabemos que os abrazantes senten envexa porca do abrazado e que o agasallan con cariño e recoñecemento porque teñen que disimular. Un terceiro colectivo de apertantes falsos son os concursantes, que non deixan de pasar o brazo polo pescozo do compañeiro que gaña e mesmo de chorar en finxida alegría polo éxito alleo.
A verdade é que ignoro a quen lle corresponde revalorizar a xenuína aperta europea. Non sei se será cousa de que o Banco Central Europeo o suba un cuarto de punto ou de que Bruxelas regule os termos e situacións no que é aceptable plasmar a ledicia dese xeito. Dende logo, deberían intervir nesa web que promete ‘Abrazos Gratis’.
22/07/2008