A praia napolitana de Torregaveta acolleu recentemente unha dobre desgraza: dúas rapaciñas xitanas, Violetta e Cristina, morreron afogadas despois dunha mañá pedindo esmola, velaí a primeira. Pero houbo máis: os xornais italianos retrataron unha parella de bañistas observando os corpos tapados por toallas, mentres seguían torrándose ao sol como se non pasase nada, velaí a segunda desgraza.
A indiferenza perante a dor allea foi a resposta inhumana que se reflectiu nas fotografías, que chegou a barbarie cando soubemos dalgúns energúmenos comendo a poucos metros das nenas sen vida. A traxedia non foi quen de estragar os seus plans de lecer.
As fotografías retrataron o déficit de humanidade dos bañistas pero conseguiron levantar a indignación nun país no que as estatísticas reflicten que a metade dos italianos se sentiría a desgusto se tivese por veciño a algún dos 150.000 nenos xitanos que hai no país. Sen embargo, a desgraza ocorrida no areal non significou, paradoxalmente, ningún impedimento para os que decidiron saciar o apetito cos cadáveres ben preto. O arcebispo de Nápoles, Crescenzio Sepe, foi contundente ao censurar o cadro: “Non se pode seguir bañándose baixo o sol. A indiferenza que vimos é case máis grave có suceso mesmo”.
Mentres que en Italia os nenos xitanos espertan un aireado desgusto, en España só (¿só?) o 12 por cento dos enquisados apunta que non se sentiría ben tendo por veciño a un dos 800.000 que viven por aquí. Temos a sorte de non contar tampouco cun goberno Berlusconi, nin cun Comisariado Extraordinario sobre a Emerxencia Xitana que lle axuda ao político a seguir sumando medidas para a súa teima do censo de cíngaros.
Convén lembrar que, hai unhas semanas, o Goberno italiano decidiu rexistrar as pegadas dactilares de todos os xitanos que viven en caravanas, unha decisión que espertou a condena doutros países e acabou matando, con cordura, a iniciativa do Executivo de Silvio Berlusconi.
De Violetta e Cristina pouco máis coñecemos cós pés que asoman fóra das toallas pero semella que as súas biografías curtas non responderon ás de dúas cidadás europeas de primeira. Agardemos que a súa morte deixe unha pegada nos políticos que tiveron, un día, a capacidade de decidiren unha vida mellor para elas.
23/07/2008