de actualidad
foto Donald Trump
Opinión
A TECELÁ EN OUTONO 
Votacion: 
5 (9 votos)
0

Como un cesto de cereixas

AS MEMORIAS, se non penduran de algo, vagan no vento e rara vez regresan. Con outro símil: ten que haber un elemento que provoque a lembranza, tal un catalizador, esa substancia que, sen entrar na reacción química, a fai posíbel. Despois, como as cereixas dun cesto, que enganchan unhas noutras, todo volve.

Non estiven na cerimonia de ingreso de Álvaro Cunqueiro na Real Academia Galega (1963), mais teño lido moitas veces o discurso que titulou Algunhas imaxinacións sober tesouros. É un percorrido pola xeografía e tipoloxía dos tesouros, personificados estes ás veces até o punto de precisaren alimentarse. Sempre acontece co autor de Merlín e familia e esta vez non é unha excepción: mestura as lendas lidas ou escoitadas coas súas fabulacións, malia que el o desminta a lamentar non ter incluído historias do propio maxín. O discurso remata ponderando o valor dos soños.

Regresando de Cantabria, despois de xantar na Voltiña e conversar coa poeta e hostaleira Chus Amieiro, o seu home Manuel, e os pais a quen non vía desde que ela era unha neniña (agora ten un fillo universitario no que semella ecoar o sangue dos normandos), paramos en Mondoñedo, visitamos o cemiterio vello para ler aquel tristísimo soneto, hoxe difícil de descifrar na pequena placa metálica que un tal Candia dedicara á súa muller, morta de parto, e do que tivemos noticia polo escritor Ramón Reimunde Noreña. Presentámoslle os nosos respectos a Pascual Veiga agradecéndolle a Alborada e a música do Himno. Detivémonos cabo da tumba de Leiras, o médico poeta a quen as autoridades eclesiásticas privaron do sagrado, mais o pobo canonizou e cubriu con terra do cemiterio católico.

Despois da homenaxe aos mortos, demos un demorado paseo pola cidade na compaña da boticaria M. Jesús Rivas Lombardero. Antes mostráranos os segredos da súa antiquísima farmacia, na que se conservan todos os botes ou albarelos antigos, así como os aparellos para elaborar fórmulas maxistrais. Polas rúas, como chegado doutro tempo, vagaba Montero, o Merlín de hoxe.

No Seminario cerramos o círculo. Alí fora recibido Cunqueiro como académico e pronunciara o discurso. Chus, a da Voltiña, acababa de contarnos o seu achado dun tesouro, un agasallo dende o alén, sen mouros. E servidora, bébeda de paisaxes, recordou a cita de Teilhard de Chardin que ese mesmo discurso inclúe. Explica que cando no Xénesis se di que o home foi feito de terra, hai que entender que o fixo da terra toda que houbo até o home; os bosques, os paxaros, as follas secas, os grans que podreceron, os ventos que foron, a neve, os seráns de sol...

A evolución, que fixo un ser capaz de soñar.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.