Opinión

Máquinas pensantes

Robot. EUROPA PRESS
photo_camera Robot. EUROPA PRESS

Como son un señor profesor de máis de corenta anos, a intelixencia artificial non achega aínda demasiadas cousas boas á miña vida. Si, podo usar tradutores en liña con eficiencia... pero xa leo e falo varias linguas, co que non os preciso con frecuencia; podo localizar palabras illadas en documentos, mais como adoito ter boa memoria non lle quito moito partido ao asunto; fago preguntas aos chats de intelixencia artificial, pero as respostas son mediocres moi decote e non as uso. En troques, tiven que eliminar a entrega de traballos sobre temas académicos ou libros de lectura porque estaba cando de corrixirlle os erros aos motores de IA.

Non obstante, si estou firmemente convencido de que a intelixencia artificial vai mudar a nosa vida cotiá de xeito dramático nos vindeiros anos, alén de aconsellar operacións de bolsa ou crear portadas de libros. E canto antes esteamos familiarizados co seu verdadeiro funcionamento, mellor poderemos axustala dende o punto de vista funcional e ético. Para isto é de gran interese, na nosa opinión, o manual Inteligencia artificial de Melanie Mitchell, que presenta a sempre innovadora Capitán Swing como unha guía para seres pensantes, opostos por definición ao que poden ser no presente ou futuro as máquinas pensantes.

Probabelmente hai poucas persoas mellores ca Mitchell para levar a cabo esta tarefa. Científica de enorme prestixio, recibiu varios premios ao longo de décadas e formouse con Douglas Hofstadter, o autor da mítica obra Gödel, Escher, Bach, pioneira na presentación dos algoritmos e da intelixencia das máquinas. A experiencia de Mitchell é tan ampla que é quen de facer explicacións sinxelas —normalmente baseadas en paralelismos co noso propio cerebro— de asuntos moi complexos, coma os diferentes camiños que se usaron para desenvolver as ferramentas da intelixencia artificial.

Alén disto, pouco gañaría o lector estándar cun libro que se centrase en asuntos técnicos e Mitchell sábeo, polo que leva o ensaio a outro terreo: a intelixencia artificial é unha ferramenta de progreso ou unha ameaza para a nosa sociedade? A resposta a esta pregunta non é sinxela. Pensemos, por exemplo, como expón a autora, nos coches de condución automática e na posibilidade de que se atopen en situacións de vida ou morte para viaxeiros ou peóns. Ou no feito de que alguén programa esas IA e adoitan ser homes, novos, brancos e estadounidenses, o que xa ten dado lugar a escándalos por resultados equivocados, ou, aínda peor, racistas —como identificar persoas de raza negra nunha fotografía como gorilas—.

Ademais dos dilemas éticos afronta Mitchell outra cuestión de interese: a relación entre as ferramentas informáticas e a publicidade, asunto que vén xa de lonxe. Dende o amencer da informática as empresas tenden a proxectar uns logros esaxerados no futuro e apóianse para iso nuns medios de comunicación case sempre dispostos ao titular sensacionalista —do tipo, En vinte anos os seres humanos vivirán na Lúa—. Advirte a autora de que os logros reais, con todo ser importantes, resultan modestos e de que queda moito que facer nese terreo coñecemento. Pero faino de xeito construtivo, sen caer en apocalipses innecesarias, aberta á esperanza da mellora e do control dos posíbeis problemas que podan existir, como a vulnerabilidade á piratería informática ou predisposición a herdar prexuízos sociais. Os temas candentes precisan libros informados, completos e asumíbeis para moitos lectores e Melanie Mitchell e Capitán Swing triunfan con este sobre un dos asuntos que marcará a actualidade —e o mercado editorial español, por certo—tanto no futuro inmediato coma nos vindeiros anos.

Comentarios