Opinión

O ceo estrelado

Inmanuel Kant. EP
photo_camera Inmanuel Kant. EP

CANDO TIÑA responsabilidades empresariais había unha brincadeira co meu xefe: en caso de dúbida, diciamos, o ceo estrelado sobre min e a lei moral dentro de min.

Non eramos precisamente orixinais, xa que esta é unha das frases máis contundentes da historia da ética, escrita por Inmanuel Kant na súa Crítica da razón práctica. A lei moral á que se refire o sabio de Königsberg é a que se coñece dende hai milenios como regra de ouro, reformulada: proceder de xeito que a actuación dun poda considerarse lei universal para calquera nunha situación igual.

Kant é un dos once filósofos cuxas ideas sobre a ética se estudan en Nada es más asombroso que el hombre, unha historia desa disciplina dende Sócrates —en realidade, dende un chisco antes, coa oposición no mundo grego entre o mito e o logos— ata Theodor Adorno, que escribiu o filósofo e ensaísta alemán Volker Spierling. Concibido como manual escolar, o libro vén acompañado dun moi útil apéndice no que se resumen as principais ideas de cada autor.

A ética é unha disciplina que vai de capa caída. Tempo atrás presentábase no ensino secundario como alternativa á Relixión, cursada por moi pouco alumnado nunha sociedade postfranquista aínda pouco secularizada. Agora, os sucesivos tira e afrouxa da dereita e unha esquerda morna na defensa dos ideais laicos no ensino converteron unha materia de contido filosófico práctico en algo chamado Proxecto curricular ou outras materias alternativas. A única ganancia é que as novas xeracións non teñen que aturar as chapas de Fernando Savater.

Porén, a ética é máis precisa que nunca e ata a reivindican influencers por demais perniciosos: pénsese na resurrección de Séneca e o estoicismo —incluídos neste volume— ou Marco Aurelio e o epicureísmo. Trátase, iso si, dunha reivindicación superficial, xa que se trata de mensaxes asociadas ao coaching e non dunha reflexión baseada nunha metafísica. Precisamente isto é o que fai Spierling: en cada capítulo, despois dunha breve introdución á vida e obra do autor, expón as liñas mestras da súa filosofía —ao cabo, da súa metafísica, que para algo falamos dun escritor alemán na análise de filósofos, fundamentalmente, xermanos— e conecta esta coa súa proposta ética sen se decantar visiblemente por ningunha.

O prezo que paga Spierling polo seu enfoque é pesado para o lector casual ou non especializado. No canto de atopar resposta a unha pregunta básica enunciada na contra —"É o ser humano unha criatura monstruosa ou bondadosa por natureza?"—, atopamos unha breve historia da filosofía centrada, por demais, nos filósofos alemáns e, en particular, aqueles conectados co idealismo: Kant, Hegel, Schopenhauer, Nietzsche e Adorno. Despois de Hume e o seu rexeitamento da metafísica e a divindade, non atopamos outro pensador non alemán. Fóra quedan, por exemplo, os filósofos franceses da Ilustración, Marx ou mesmo autores de interese máis contemporáneo como John Rawls.

A pesares das eivas sinaladas, Nada es más asombroso que el hombre é un libro coma non hai outro no mercado xeralista hispano, e polo tanto moi recomendábel. As persoas que desexamos ter unha cultura xeral ampla decote non estamos en condicións de acudir a manuais especializados, que son moito máis caros, complexos e difíciles de atopar fóra de círculos universitarios, máis en vilas ou cidades nas que non existen graos humanísticos. Precisamos polo tanto obras de divulgación e esta atende un terreo, o da historia da ética, pouco traballado dentro da relativamente escasa e moi 

Comentarios