Opinión

A Coruña anfibia de Blanca Riestra

Tritón, a nova novela de Blanca Riestra, sitúanos ante unha historia chea de ecos mitolóxicos que volve a facer da cidade herculina o espazo axeitado para discutir a realidade, para convertela nun territorio de loita entre o maxín e o real, entre o soño e a razón.
Blanca Riestra.
photo_camera Blanca Riestra.

TEN BLANCA Riestra a capacidade de engulirte cos seus relatos, de xerar unha atmosfera que te envolve tras uns poucos parágrafos. Fíxoo na súa novela Aquí comeza o mar, gañadora do Premio Blanco Amor en 2021, na que amosou de maneira exemplar a súa cidade natal, A Coruña, dende esa concepción mítica de urbe mariña e historias cidadáns que a foron configurando ao seu xeito, na permanente loita entre tradición e modernidade.

Agora sae do prelo da editora Aira, Tritón, unha nouvelle que semella desprenderse como un iceberg daquela historia colectiva que nos relatara Blanca Riestra, e coa que volve a deixar nas nosas mans case cen páxinas engaiolantes, enchoupadas de humidades e mitoloxías acuáticas que semellar xurdir dun cadro de Urbano Lugrís para achegarse por uns instantes á realidade cotiá, á vida dunha muller, B., que vive asomada ao mar e que comeza unha relación cun ser mariño, unha criatura que activa nela toda unha serie de sentimentos ou, mellor dito, de instintos que alentan toda unha serie de insospeitadas situacións.

Tece así a autora un deses relatos que tanto precisamos os galegos, que nos sitúa nun contexto de fabulación que lembra ecos cunqueirianos e de tantos outros que souberon ancorar a nosa narrativa nesas narracións que fan do maxín unha patria insustituíble. A virtude de Blanca Riestra, además da súa sempre precisa escrita, é a de conseguir enguedellar o fantástico co real, unir dous mundos que no contexto coruñés ten certamente un universo propio que permite acadalo dun xeito máis acaído que noutros contextos xeográficos.

Todo ese desafío cheo de salitre supérase con éxito nese elo entre unha muller e un «home de pel cartilaxinosa» que vén a darlle un pulo, e mesmo unha esperanza, a esa muller cun fillo e unha singladura do cotiá que presenta poucas emocións. Un encontro que fará entrar na súa casa todas esas historias mariñas que xa levaban petando á porta durante anos e que permitirá que dúas peles distintas se acheguen para xerar unha nova situación entre eles.

Esa achega irá sementando o relato de dúbidas e incertezas, para as que a protagonista procurará respostas nun marabilloso personaxe, Domingos, un home que contén toda a sabedoría do mar, co que iso supón de elo preciso entre a terra e o océano. Descifrar a aquel visitante converterase na súa gran ambición, aínda que iso sexa tan só unha desculpa para descifrarse a si mesma, ao que leva a unha muller na vida a atoparse nese leito cun ser tan singular, de pel esvaradiza, de fríos latexos que, sen embargo, transmite todo o que precisaba esa muller nun instante tan concreto da súa vida.

Domingos erguerá a vista cara o horizonte, tentando analizar os movementos que xorden das mareas, dos ciclos da lúa, dun ecosistema que forma máis parte de nós do que pensamos. Un territorio aberto que, sen embargo, fará que B., se peche cada vez máis no seu reduto íntimo, nunha vivenda que se converterá nunha prisión para sorpresa das súas amizades e compañeiros de traballo que entende que algo mudou na vida daquela muller, sen ter moi clara a causa.

Mais as respostas están nos ollos experimentados de Domingos, a súa atalaia mariña dende a que na súa condición de prexubilado fai da pesca a maneira de ollar enfite a ese mar, o xeito de seguir buscando nesas ondas as explicacións ao que acontece na vida, como se leva facendo ao longo da historia dende fai séculos, dende que o ser humano entendeu que un discurso paralelo aliviaría a teimudez dunha existencia tantas veces chea de cargas e sufrimentos. E para iso poucos espazos mellores que os océanos, cheos de mitoloxías, de tránsitos homéricos que converten a viaxe nunha metáfora da nosa singradura cotiá.

Blanca Riestra ofrécenos un deses relatos inesquecibles, que amosan a importancia de facer do territorio mítico parte da nosa realidade cultural e mesmo social, e, para iso, non só nos emociona coa súa historia, senón que esta convértese tamén nun itinerario poético de soidades e desexos de atopar unha felicidade que as veces resístese a asomar o seu lombo branco nas nosas vidas.

Comentarios