Blog |

Demasiado próximos

O primeiro que fan as ideoloxías totalitarias en Europa é marcar a diferencia. O segundo é tentar facela invisible a base de papar os símbolos dos demais
2024061023181318090
A  ‘ODA Á LEDICIA’ é unha obra que require a nosa interpretación”. Lei Treitler

181. No filme A novena sinfonía (Douglas Sirk, 1936) obsérvase unha pacífica e vibrante escena que fai que te remexas inquedo no sofá. O filme, rodado na Alemaña nazi, establece unha especie de paralelo entre o país europeo e Nova York. Sáltase continuamente dunha banda a outra cuns planos dun mar embravecido. Nun destes auditorios rococó centroeuropeos, unha orquestra interpreta o cuarto movemento da Novena Sinfonía de Beethoven, a Oda á Ledicia. En América, nun modesto apartamento, dous homes escoitan con delectación por radio a música que chega do corazón de Xermania. Unha muller doente, no andar do lado, revive grazas aos acordes que se filtran polos tabiques. A música, o poder espiritual do pobo alemán, subxuga á moderna América. O problema, e sobre todo a turbación que sentes no sofá ao ver como ese símbolo do xenio artístico europeo -ata o punto de se converter no himno da Unión-, era empregado pola Alemaña nazi como a mostra máis excelsa do talento musical alemán. Xa teño falado do turbador que pode ser experimentar os produtos culturais producidos na Alemaña nazi, e comprobar que non hai demasiada diferenza con moitos dos que o mundo libre, na altura, producía para o gran público. 

No moi recomendable libro Beethoven's Ninth: a political history (University of Chicago Press, 2003), o musicólogo Esteban Buch amosa o uso partidista da música de Beethoven e a letra de Schiller por diferentes ideoloxías ao longo dos séculos XIX e XX. A fraternidade humana que defende non lle impediu ao Estado nazi valerse da Novena sinfonía. Nos anos 1941 e 1942 foi a peza máis interpretada polas orquestras alemás, pero Ludwig van Beethoven, coa súa aparencia racial mixta, como aparecía en textos nazis, cun pai chuzas e aproveitado, non era o mellor dos exemplos posibles. Pero como renunciar ao xenio? A Oda á Ledicia foi interpretada pola orquestra da NSDAP na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Berlín de 1936. O barón Pierre de Coubertin, inventor das olimpiadas modernas, case sufre un orgasmo emocional e agradeceu efusivamente aos nazis tan fermosa performance.

Aínda que obras deste calibre sempre deron marxe mesmo a réplicas internas ao propio réxime nazi, como a do director Willem Mengelberg, quen interpretou a Novena en Radio París en 1943 e afirmaba nunha revista que o compositor “coñecía máis que calquera outro como falar ao corazón humano, a todos os corazóns humanos. A música non debera ser só privilexio duns poucos favorecidos”. Pode querer dicir unha cousa ou a outra, como a propia ‘Novena Sinfonía’. Un pouco como o propio termo de Europa.

“En función da idea do Imperio foi conquistado o continente, e unha vez acadada a hexemonía foi cando se difundiu o lema de construír a nova orde europea”. 
Rafael García. ‘La idea de la Nueva Europa’.

182. Hai moitos anos tiven nas mans un feixe grande da revista Signal, unha das publicacións de propaganda exterior alemá. A calidade da edición era bestial. Aquela revista aprendera dos enormes avances artísticos da república de Weimar. Non se podían entender panfletos como Signal, nin Adler nin mesmo a satírica Vox —si, chámase así— sen as supostas vangardas dexeneradas extirpadas polo Partido Nazi. Signal era impactante, cunha estraña combinación de tecnoloxía e tradición. Aparecían guapos pilotos de aviación, aplicados mecánicos, algúns científicos, moitos nenos, grupos folclóricos, información sobre algunhas nobles causas do mundo. Parecía que os pobres nazis acabaran nese follón da guerra mundial un pouco por casualidade. Quero dicir: case todo o que vías alí, nunha primeira lectura, podías compartilo. A amizade, o gusto pola innovación, a solidariedade coas vítimas da guerra, os crueis bombardeos sobre a poboación civil, a celebración da desobediencia civil xusta de Gandhi (!) (nº8-1943). A propaganda aproveitaba todo, apropiábase de todo, buscaba penetrar a través dos valores compartidos. Nas memorias do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor (USC, 2016) dá conta dunha viaxe para expoñer no Berlín nazi durante a guerra. Unha das cousas que máis lle sorprendera ao atravesar Francia en tren é que os soldados alemáns levantábanse para deixar sentar ás mulleres e vellos franceses. Sotomayor escribiu as súas memorias despois do conflito, cando o relato do bando vencedor xa predominaba. De algún xeito, con esa anécdota estaba respondendo, sen mollarse moito, á narrativa dos vencedores. O que contades non foi o que eu vin, parecía dicir. 

En Signal chamárame tamén a atención un detalle: a defensa da alta idea de Europa. Unha Europa beethoveniana, digamos, brillante e elevada. Conforme avanzaba a guerra e Alemaña perdía folgos, máis e máis Europa. Alemaña sacrificándose pola idea continental.. En 1941 Hitler e Mussolini sacaron a consigna, a "Nova orde europea". Citemos a estes dous figuras: “O aniquilamento da ameaza bolchevique e da explotación plutocrática permitirá a colaboración de todos os pobos do continente europeo nun traballo pacífico, harmónico e frutífero, tanto no aspecto político como cultural”. En novembro do 1941, en Berlín chegouse a presentar os “Estados Unidos de Europa” e mesmo un proxecto de himno común. Ese mesmo ano, nunha prisión nunha illa do mar Tirreno, tres federalistas antifascistas compuñan tamén o Manifesto de Ventotene por unha Europa federal desde coordenadas totalmente opostas. Curiosamente, sería Winston Churchill quen retomaría en 1946 a mesma idea, nunha conferencia en Zurich: “Existe un remedio que en poucos anos podería facer a toda Europa libre e feliz. Consiste en volver crear a familia europea, unha especie de Estados Unidos de Europa”. Unha Unión Europea que tomaría a Oda á Alegría como emblema.

“Desde a caída do Muro de Berlín, Europa perdeu o norte e precisa reimaxinarse, pois descoñece a súa razón de ser”Amin Maalouf
183. Cando batín con aquela colección de Signal non era aínda moi maior, andaría polos 18 ou 19 anos. Non me convenceu, por sorte. Supoño que o cine, as películas, as miñas lecturas protexéronme de toda a bichicomada que había por debaixo daquelas páxinas ben feitas. Iso non me impediu admirar o xeito no que unha ideoloxía perversa sabía camuflarse. Goebbels era un pro, nada que ver cos propagandistas franquistas. Pasaba o mesmo na película A novena sinfonía: baixo unha historia de música, orfandade e maternidade, subxacía unha terrible visión da muller, perigosa —malia que inevitable-— coidadora dos vástagos da raza. Pensei que o esquema de valores morais e condutas éticas en Europa son o correlato dun mosaico moi pequeno de estados e pobos convivindo entre si, competindo por un limitado conxunto de símbolos que están aí, moi doados de coller. E velaí vas: ábreslle a porta ao vendedor de aspiradoras. En Europa sempre funciona igual: un grupo político arremete con valores diferenciais moi marcados, faise co poder, e a partir de aí comeza a fagocitar o patrimonio común, agachando a súa mensaxe inicial.

Como galego, manteño unha idea optimista de Europa. Debo funcionar como aqueles galaicorromanos da Antigüidade tardía, que escribían saudosos da cultura clásica mentres ao seu redor o vello poder imperial se desfacía en anacos. Teño claro que Europa é o noso futuro. Unha certa idea de Europa, non me vale toda. Unha Europa plural que recoñeza á legoa quen leva careta. E nestes momentos está Europa asediada desde demasiadas frontes: desde fóra e desde dentro, con maquiavelos e sobre todo parvos útiles. O gran problema e desafío é que esa miña certa idea de Europa pasa por admitir a posibilidade de moitas visións de Europa distintas: demasiado complexo para a propaganda binaria. Fronte o xogo da confusión precisamos valores inequívocos e non confiar só na beleza de emocionantes sinfonías e legados brillantes, porque todos eles poden ser reapropiados. Hoxe Europa está chea de revistas Signal camufladas. E moitas delas pode que xa estean dentro de nós sen sabelo.

Comentarios