Opinión

Diálogo coa estatua de Fole

Que fas Fole, aquí, sempre de pé?
Estatua de Ánxel Fole /XERARDO QUINTIÁ
photo_camera Estatua de Ánxel Fole /XERARDO QUINTIÁ

Unha pausa para recoller a alegría delirante dos cirrios, como ti dicías destas aves que volveron outra vez este ano dende a cunca do Congo para aniñar na muralla?

Ou estás aínda abraiado de ver como Lorca escribiu o Madrigal á Cidade de Santiago aquí ao lado, na tenda de gramolas de Luís Manteiga, despois de ir buscalo con Pimentel e Francisco Lamas á estación de tren? Andas a axustar ese poema para a Revista Yunque, “oda triunfal de martillos/ sobre los yunques batiendo”? Como estaba de chea a Deputación na súa conferencia sobre María Blanchard? Xa es vocal da Organización Republicana Lucense, ou militas no Partido Galeguista?  Durmiches con ese traxe, para poder escapar de noite se for preciso? Perdeuse a Auga lizgaira? Pensas en marchar para América? Choras a Vega Barrera? Baixas xa da túa casa, da casa pacega que xa non existe, e axeitas o corpo para desaparecer, para a nebra e para a tebra? Volviches das terras bravas de Quiroga, da “terra aspra e forte, de lobos e aigas”, da “terra outa de fragas e devesas”, do Courel dos tesos cumes de Novoneyra?

Se cadra vés de falar con el, a quen ti puxeches o nome galego de Uxío, na imprenta Celta, para argallar esa colección que tiñades entre mans, Tesos Cumes? Ou de brindar por conseguir publicar os poemas que traduciu de Mao nesta Táboa Redonda que ti dirixías neste xornal? Estás “de pé, no outono fresco, corre o norde no río Siang, no cabo da illa de Laranxeiras, a paisaxe en lucenzas toda roxa”?

Soñas con “lobos, carballos e cabalos”, como no conto de Lema? Onde deixaches o chisqueiro? Por que non levas a pucha? Xa estás chegando tarde aos viños? Sabías da existencia de Ulises Neyra? Onde están agora as faldras do Cebreiro? Como están de claras as augas do Miño?  Que fas, Fole, Bakurin, Fole de Navia, Eginardo de Tor, Farruco de Caldas, Lexandre de Arcos, Lucencio, Troitiño, Xelos de Orbán, Neumandro? 

Saúdas o mes de maio? Fíxoseche tarde no Hielo Bar? No Nemesio? Na rebotica de Antón Figueroa? Pensas no seminario de Ortega? Naquel recital de Alberti en Valladolid? No texto para Otero Pedrayo en Caracas? Volves do Clan dos Lunáticos, dos Cabaleiros da Rosa de Lus? De excursión con Américo Castro? De Trasalba? Xa quedaches sen nada? Como vas sobrevivir agora que acabou todo? 

Botaches en Correos esa carta a Maside, na que lle contas que en Lugo o clima é moi bravo, que buscas a calefacción coma pan, e por iso ves “tres ou catro películas cada semá, sin pensar moito si son malas ou boas”? Pedícheslle xa que ilustrase a portada de Terra Brava? Xa fixo a súa aparición a neve? Lograron pasar os pesadelos? Interésache de novo a política internacional? 

Andas pedíndolle debuxos a Seoane? Ou mándaslle un texto a Galicia Emigrante? Pensas na danza de Isadora Duncan? En Maiakovski? En René Clair? En Poe? Xa mataron aos teus amigos? Xa caeron as bombas sobre o teu irmán Reinaldo? Ou o parque é aínda modernista e abala as araucarias?

Comentarios