Opinión

As fendas que nos interrogan

Gisele Mato acadou o XII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey con Habitar as fendas, unha ollada afouta á existencia humana e a eses espazos de dó que se acubillan nas fendas da vida dende as que poder interrogarnos sobre nós mesmos.
Giselle Mato /Edicións Xerais
photo_camera Giselle Mato. Edicións Xerais

EN MOITAS veces a poesía esa capacidade de pescudar alí onde máis nos custa achegarnos. Zonas de nós mesmos que axitan a alma e queiman a pel. Fendas que se abren onde pensamos que é terra firme, ese sólido chan no que adoitamos sentirnos seguros. Mais a vida xoga tamén a poñernos a proba e, a base de imprevisibles sismos que lle dan a volta a todo, colocarnos ante unha serie de interrogantes que se converten nun exame para saber o material do que estamos feitos.

Gisele Mato é quen desta vez afronta esa tarefa de percorrer esas fendas, e para iso acude de xeito brillante á poesía, a palabra como a esculca que permite alumear no desconcerto e, sobre todo, no desacougo. Habitar as fendas (Xerais) é o libro que recolle todos eses poemas, acadando recentemente o premio de poesía Manuel Lueiro Rey que, cun xurado como o composto por Luis Cochón, Mercedes Queixas, Noelia Gómez, Afra Torrado e Armando Requeixo, lle outorga a solvencia que un se dá conta en canto comeza a pasar esas páxinas e se deixa levar por esa atmosfera da axitación, de sentirse atropelada por un furacán de sensacións.

Todas esas sensacións dividen o libro en tres partes: Silencio, Casa non hai e Entre as vértebras. Tres espazos dese desconcerto dende o que Gisele Mato interpela ao lector que en diferentes ocasións puido tamén verse dentro desa axitación íntima que xorde da separación de dous corpos, da ausencia que racha cunha presenza que nos instala no abandono e nunha nova relación coa contorna. Se nese primeiro anel que a autora denomina ‘Silencio’ atopamos ese feito físico de atravesar a fenda, de sentir a estrañeza en forma desa pregunta á que lle seguirá outra, e outra, na búsqueda dunhas respostas que tardarán en chegar, se é que nalgún momento estas son quen de asomar nese océano da confusión. Nesas augas a poeta afirma que se move como «nasa na deriva» e, ao igual que con estas palabras a súa capacidade poética é quen de encher o poemario de imaxes que xorden dos versos, aliñadas nunha sucesión que nos engaiola por cómo estas se materializan dende a expresión deses sentimentos que, chegados á segunda parte, Casa non hai, convértense nunha mestura de medo, violencia ou furia que se calibra dende a despedida. Chegamos ao terceiro deses aneis, convertidos xa en etapas dun inferno, Entre as vértebras, atopándonos ante ao rancor, mais tamén ante a soidade entendida como un berro que esnaquiza esa codia de silencio na que adoitamos envolvernos cando nos mergullamos nestas situacións de perda.

Habitar as fendas é, daquela, unha afouta consideración sobre a resposta de cada un de nós ante esa situación de deriva que se produce cando chega o desencontro, cando semella que o ruído sairá dun corpo en proceso de abandono. Non é sinxelo atopar esas respostas que xorden do desencontro, unha loita individual que Gisela Mato é quen de converter nun desafío colectivo que permite exercer un profundo exercicio de reflexión, sendo esa unha das grandes virtudes deste texto que converte a fenda nunha sinal, unha sorte de iluminación para que esteamos preparados para cando se dea esa situación e sexamos quen de atopar esa luzada que sempre hai ao remate da escuridade. Nun espléndido limiar, MN Soutelo afirma ao respecto que: "E que a luz, como unha treboada en campo aberto, como unha manda de poldros salvaxes, nos sacuda a cinza desta dor toda e, finalmente, nos sorprenda".

Esa sorpresa é a que intuímos ao final do texto. O instante que culminará todo ese proceso de perplexidade e néboas mestas entre as que procurar un camiño no que escintilan as respostas que dean sentido a esas fendas que nos interrogan, a esa dor que nos somete, a ese pánico que esquivar.

Comentarios