Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Polas vísceras da illa

Rosalía Fernández Rial converte De centeo e durmideiras nunha viaxe dende a sensorialidade da poesía cara un territorio de revelación, onde a natureza e o corpo converxen na configuración dunha illa que, dende o pasado, se activa nun presente vigoroso.
Rosalía Fernández Rial /AEP
photo_camera Rosalía Fernández Rial /AEP

Anota  Yolanda Castaño no texto que prologa ao novo poemario de Rosalía Fernández Rial, De centeo e durmideiras publicado pola editora Kalandraka, que "un libro de poemas é sempre un espazo cercado polas ondas", ela, serea dos océanos da poesía sábeo ben, amosándonos desa maneira a condición insular da poesía e, nomeadamente, deste conxunto de textos cos que a poeta de Muxía dá un firme paso cara adiante na súa proposta creativa. Unha proposta multidisciplinar e chea de fíos de orixinalidade polos que tirar dende a escrita, o teatro, a música ou a actuación, e todo iso a carón do seu labor didáctico como profesora de lingua e literatura.

Dunha ou doutra maneira todos eses saberes, todas esas arelas creativas e ollar o mundo, converxen nesta illa poética. Chanta os pés na súa fina area e arrinca unha exploración da que nos fai cómplices dende os primeiros versos que, a modo de acollida, deseguida te somerxen nese contexto que, como comprobaremos, está cheo de sensualidade, mesmo sexualidade, de voces dun pasado cuxo eco nos asalta para fornecer un presente no que nós mesmos somos protagonistas.

Camiñamos así por un itinerario da poesía que recupera aquel universo de Safo que a gran poeta Aurora Luque puxo en valor de xeito recente para que entendamos cal é a madeira da nosa balsa, sobre ela navegamos por fermosos mares, aínda que tamén se poidan poñer bravos. É o que ten conectar a poesía coa vida, un risco asumido como parte dun proceso de exploración íntima que non entende máis que do compromiso e de amosar a condición humana e, desta vez, a mirada feminina. Rosalía Fernández Rial atlantiza esa mirada helena e a converte no miradoiro de pedra mollada polas salgaduras do mar da súa terra natal. Esas ondas modelarán un corpo que verso a verso se traballa nun proceso de erosión qué é o que conleva o paso do tempo e a acumulación de experiencias.

"Unha illa en chamas fronte ao eco do mar", escribe a poeta. Lume e auga, elementos que nos conforman, xunto á terra e vento, semente presocrática na nosa configuración dende unha contorna natural que suxeita todo este poemario onde diferentes especies, animais e vexetais, asumen o seu protagonismo, non só como conformación física do espazo poético, senón tamén como suxerentes metáforas das paixóns humanas, de sensualidades inexpugnables que agroman dende a palabra para perfilar así esa illa na que todo se funde como unha forxa mítica e sinestésica da que a estas alturas xa non podemos saír, completamente engaiolados por esas voces cativadoras que entraron en nós, tal e como nos anunciou Yolanda Castaño nas súas palabras: "O silencio que primeiro é apenas aparente". A progresiva sedución foi quen de esnaquizar ese silencio, collendo forza á medida que progresabamos nesa lectura na que nos echoupa Rosalía Fernández Rial, atravesando diferentes momentos nos que se divide o poemario. Centeo, Marea negra e Durmideiras son eses tres aneis que atravesar para facer o acúmulo de sensacións, deixándonos arrodear pola vertixe dunha poesía resumida en tantas expresións fascinantes como poden ser "a cicatriz do vento", "o xónico da túa pel" ou "un mar amniótico", por escoller tres delas case ao chou, nunha inspirada sucesión de expresións que dotan a cada un destes versos dese arreguizo que tan só a linguaxe ben artellada é quen de provocar.

Así imos de arreguizo en arreguizo ata o remate, ata a conclusión deste movérmonos xuntos nunha dirección que a poeta propón para entender ese estado de axitación que acontece nun pletórico estado vital. Na confrontación entre o que medra e o que morre, entre o final e a renovación que, de xeito espontáneo, acontece ao longo da vida. Afortunada quen sabe ollar a ese momento de loita, a esa tensión capaz de xerar esta sementeira de poemas que chegan voando a unha illa para enchela de novas e emocionantes posibilidades para o ser humano.

Comentarios