Blog |

Que facer co que sabemos

Nos últimos anos anda moi estendido o tópico de que nin a literatura nin os libros teñen consecuencias sobre a realidade. Pero ti non es nunca o mesmo despois de rematalos. E pode que a realidade tampouco.
Manuel Veiga. AEP
photo_camera Manuel Veiga. AEP

OS PREXUÍZOS, as fobias e os esterotipos son extremadamente resistentes, non só a desaparecer, senón tamén a mudar”. 
Alexandre Peres Vigo

184. Cando rematei o libro Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo (Galaxia, 2024) fíxenme a mesma pregunta que logo souben que tamén lle fixera ao autor Pilar García Rego no Zigzag da TVG: "E agora que?". Poucas veces me pasa cun libro: esixir unha segunda parte que non dependa da propia vontade do autor para escribir. Refírome a que facemos coa información que ten no seu interior. Peres Vigo ten moito sangue frío ao ir desgranando oito séculos de relatos negativos escritos en Castela contra Galicia e os galegos. Se a cita literal dos textos, colocada así en fila india, é abrumadora —e, teño que dicir, por veces incómoda, e xa estamos vendo, e veremos, algunhas consecuencias desa incomodidade—, o principal achado dos libros está para min na periodización. Na tese de Peres Vigo esa galaicofobia que se aprecia nos escritores e historiadores casteláns desde o século XIII -co inicio da hexemonía castelán sobre o reino de Galicia e León- vai por etapas. É dicir, que dentro desa idea negativa dos galegos en cada época se destacan uns rasgos ou outros. Por exemplo, na Galicia da confrontación medieval con Castela os atributos teñen que ver coa ferocidade; na Galicia do Século de Ouro coa inhabitabilidade do país —dito polos casteláns!—, a suciedade ou os costumes bárbaros. No século XIX coa ignorancia, a falta de intelixencia, a pobreza. Asociar cada tópico a unha fase distinta da relación de Galicia con Castela é un achado moi interesante. Tamén é intrigante como esa galaicofobia foi construída máis sobre a parte galega que sobre a leonesa trala unión con Castela en 1230. Velaí habería unha liña interesante de desenvolvemento.

Que este libro se publique aínda en 2024, despois de corenta anos de autonomía, é moi sintomático do incómodo —e tamén doroso— que resulta. Peres Vigo non é o primeiro en tratar este asunto dos versos galegos difamadores contra Galicia, que é un topos asociado á narrativa dos Séculos Escuros e é inevitable, toda vez que foi tocado por autores como Quevedo, Góngora ou Lope de Vega. Pero si é o primeiro en estender a exploración deste tema de xeito diacrónico e incorporar un vasto conxunto de datos que vai máis alá do literario, incorporando historiografía ou outro tipo de narrativas. Outro exemplo, algo perturbador, da novidade deste libro é o gravado terrible que se presenta nel: un grupo de chulos madrileños facéndolle bullying a un pobre emigrante galego a mediados do século XIX. Ese gravado, que no libro aparece moi pequeniño e case indistinguible, é sorprendente e novidoso. Na monumental publicación Galicia no gravado antigo (Consorcio de Santiago, 2007), que é a edición da impresionante e erudita colección Puertas Mosquera que presenta 699 gravados sobre Galicia —un traballo de localización inxente previo á dixitalización—, este gravado tan revelador tampouco aparece. Eu publiqueino en Twitter —nun tamaño abondo grande para apreciar os detalles— e houbo tamén reaccións incómodas. Non só as indignadas previsibles, refírome. Falo de reaccións de non gustar. De preferir non velo.

Botar, boto en falta que o traballo non se estendera á imaxe dos galegos á outra ponla ibérica coa que nos relacionamos, Portugal, na que sospeito que veriamos algo análogo ao castelán -e seguramente, polo mitificado que temos ao país veciño, aínda máis doloroso. Pero facelo sería imprescindible para construírmos un futuro adulto, igualitario e digno entre culturas e pobos de Iberia. Tampouco se lle pode pedir moito máis a unha tese de doutoramento: abondo foi o que aquí está. E este é o principal achado deste libro. Non é un memorial de agravios, ou non se percibe así. Toda vez que observamos como o tópico evoluciona conforme cambian as circunstancias históricas da relación entre Galicia e Castela, unha visión proactiva sería pensarmos que debera cambiar para que rematen estas construcións negativas, mesmo polas dúas partes. Galaicofobia permite saber que o que vemos hoxe en filmes e series actuais é un produto histórico, non simplemente unha brincadeira. Polo de contado, unha postura activa neste asunto é conseguirmos que os nosos rapaces non crean estes tópicos que os sitúan nun marco mental que anula parte do que son. Por outra banda, sentar dunha vez e transformar esta visión da Península Ibérica na que uns pobos miran os outros por riba dos ombreiros.

“Moitos lectores e lectoras son escépticos porque ven o producido en Galiza como unha sorte de material de segunda clase. Confían máis na calidade da nosa gastronomía que na das nosas letras”. 
Alexandre Peres Vigo

185. Estaba pechando a porta na casa mentres lía a última páxina de A literatura galega contada aos escépticos (Galaxia, 2024), do xornalista Manuel Veiga. En Compostela teño controlado un grupo de tres ou catro lectores camiñantes. Eu só son un afeccionado nesta arte de ler paseando. Pero algúns rapaces non quitan os ollos dos libros mentres camiñan entre a casa e as súas facultades. Sempre son libros bastante vellos, como de peto, con portadas que remiten aos anos 70 ou 80. O futuro podería ser non só dos clubes de lectura, senón os camiños de lectura. O libro de Veiga lino eu no tempo no que se atravesan as zonas vella e nova da cidade; teño falado con este tema das circunstancias actuais da literatura galega co autor e apetecíame ver o resultado impreso das súas reflexións.

A primeira conclusión é que o tema pedía cando menos o dobre de páxinas, porque Veiga é un xornalista cultural de destacada traxectoria, que ten que ter miles de intrahistorias; pensei que se queremos que os escépticos se interesen máis pola literatura galega necesitamos intrahistoria, encarnar -case no sentido teolóxico- os autores.  Por exemplo, como cando Veiga conta no libro que Ferrín chegaba a última hora á redacción de A Nosa Terra, pedía unha máquina de escribir e veña a parir un texto. Diría que os escépticos -e forofos- precisan decatarse de que detrás da literatura galega hai seres humanos e non só profesores de instituto. 

Fun lendo o libro mentres camiñaba porque se len con frecuencia estas columnas saberán que o tema do estado da literatura galega interésame tanto a min como pouco a vostedes. O libro de Veiga é unha contribución en positivo ante o estado de ánimo dun fracaso colectivo que habería que matizar. Ese fracaso que fai que a xente fuxa dun contido dixital en canto aparecen as palabras literatura galega e que eu teño máis que constatado. A súa principal contribución é unha visión non filolóxica no canto doutra máis inusual de lector, xornalista e tamén escritor. Malia iso, Veiga coloca certa distancia pudorosa entre el mesmo e o tema do libro, dándolle unha panorámica de anos. Por exemplo, o para el determinante papel da obra Polaroid (Xerais, 1986), de Suso de Toro, na renovación da literatura galega, a contribución da xeración de Ramiro Fonte á construción dunha lingua cun rexistro lingüístico depurado para a literatura, o papel de Ferrín como perfil de escritor cun universo propio ou a reivindicación do camiño alternativo das novelas de Afonso Eiré.

O que non sei é a cantos escépticos convencerá o libro. Si me gustaría pensar que este libro pode animar a outorgarmos máis textura ao universo literario, que nestes momentos está esfuracado e exposto ao vento como todos aqueles congrios que secan na Costa da Morte. Na introdución, Veiga insinúa un problema que logo non se desenvolve moito no libro. Cando alude moi xustamente a que os galegos valoran máis a gastronomía que a literatura "esquecen se cadra que Cunqueiro, Blanco Amor ou Carlos Casares escribiron en galego". Do último en morrer desta lista, Casares, fíxoo en 2002. Certo é que a literatura en todo este tempo cambiou moito no ámbito mundial, e os escritores xa non xogan o rol que tiveron no seu momento. Pero si sei que eu continúo a prestar atención a varias figuras da literatura mundial, que todas as literaturas que nos rodean teñen un certo conxunto de figuras literarias vivas que xeneran un amplo consenso, e que non teño claro que en Galicia suceda o mesmo.

Comentarios